ALCALDÍA

O alcalde salienta que Santiago conta con investimentos comprometidas ou en execución por parte de todas as administracións por valor de máis de 300 millóns de euros

15/12/2022 Nun encontro coa prensa local, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, fixo balance das actuacións do Concello no último ano "con pasos importantes" na construción da estación do AVE, a EDAR, o enlace Orbital e o Orbitaliño, así como na autovía de Lugo e en materia industrial, coa ampliación do tecido produtivo co Biopolo da Sionlla como gran proxecto que comezará a funcionar en xaneiro do próximo ano. Con vistas á corto e medio prazo, destaca que na cidade hai máis de 300 millóns de euros comprometidos en investimentos por parte das diferentes administracións para 2025-2026.

"Hai 300 millóns e confío en chegar aos 350" explicou o alcalde, que detallou as diferentes actuacións que hai en marcha ou comprometidas por parte do propio Concello, o Goberno de España ou a Xunta: "son 68 millóns para a EDAR, 30 na estación intermodal ou 14 no novo cuartel para a Guardia Civil". Actuacións como a remodelación do Hostal dos Reis Católicos, a rúa Rodríguez de Viguri ou o centro de Protonterapia, así como a ampliación do Hospital Clínico Universitario completan un amplo abano de actuacións que se materializarán entre 2025 e 2026.

"O mandato comezou con 5 grandes temas debatidos e aprobados por unanimidade de toda a corporación en sesión plenaria" explicaba o alcalde, que detallou os pasos dados en cada un deses obxectivos: "a estación do AVE está en construción; a EDAR, adxudicada; o Orbital a piques de rematar e o Orbitaliño pendente da súa aprobación definitiva, pero en trámite". Outras das prioridades, como a Autovía de Lugo, encóntrase xa en "execución avanzada" e ten a data fixada de remate das obras no 2024.
Sobre a ampliación do tecido produtivo, avanzan as obras do Biopolo no Polígono da Sionlla "que non é unha idea nin un proxecto, vai ser unha realidade efectiva e operativa a partir de xaneiro", nas que ademais xa se está a pensar na súa segunda fase.

Tamén nos grandes contratos do Concello, "que facilitan a vida diaria da nosa veciñanza" logrouse adxudicar tres e licitar un cuarto: "licitamos e adxudicamos a limpeza viaria, o concurso de parques e xardíns e o Servizo de Axuda no Fogar, ademais sacamos a licitación o alumeado público", mentres se traballa no contrato para o transporte público, que o alcalde confía en poder sacar a licitación nos próximos meses. Tamén salientou que están a funcionar preto dunha decena de novos vehículos en substitución dos máis antigos.

As persoas, prioridade durante a crise

O alcalde ademais quixo destacar o importante papel da administración durante a pandemia, asistindo desde Servizos Sociais a 1.700 familias e máis de 4 mil persoas, dinamizando o comercio e a hostalaría local a través de iniciativas como os Bonos Corazón ou con axudas directas a fondo perdido para empresas ou entidades, tamén culturais.

"As crises fixeron que tiveramos que reformular as nosas prioridades, poñendo por enriba das inversións e das obras ás persoas" explicou o alcalde, que insistiu ademais no importante papel que xogou e segue a xogar a administración local na dinamización comercial da cidade tras o parón provocado pola crise sanitaria.

Compartir: