TURISMO

Os beléns de San Fiz recibiron xa máis de 11.000 visitas

15/12/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado dos concelleiros de Acción Cultural e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón; e de Turimo, Sindo Guinarte, visitou hoxe os beléns de San Fiz de Solovio; o montado por José Uzal e o realizado polas persoas usuarias da rede de CSC. Nos seus primeiros trece días de apertura, entre o 2 e o 12 de decembro, recibiron a visita de 11.366 persoas. Esta cifra supón o mellor dato de visitantes dende que Turismo de Santiago asumiu por primeira vez a instalación do belén tradicional, no ano 2015.

O belén tradicional, cedido e minuciosamente montado polo belenista José Uzal, conta con máis de 500 figuras artesanais e inclúe diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son, que o fan atractivo para todos os públicos.

Ademais, San Fiz acolle este ano por primeira vez unha instalación moi especial, froito da colaboración entre a concellería de Centros Socioculturais e Turismo de Santiago: "CSC no Nadal", unha maqueta artística e participativa, con debuxos dos centros de David Orihuela, decorada polas personas usuarias dos 45 centros socioculturais de todo o termo municipal. Orihuela entregoulle ao alcalde os bocetos sobre os que a veciñanza traballou, e que agora lucen en San Fiz de Solovio xunto a distintas figuras inclusivas e representativas da diversidade cidadá; e baixo unha constelación de estrelas na que figuran os nomes de todos os Centros Socioculturais.

Este belén tamén conta con persoaxes que forman parte da historia da cidade. Nomes como Rosalía de Castro, García Lorca, as Marías, José Saramago, Xohana Torres ou Castelao teñen a súa figura agochada, a modo de xogo, co obxecto de que os descubran as persoas que visitan o belén.

A exhibición tanto do belén tradicional como do de Centros Socioculturais permite ademais visitar a igrexa de San Fiz, fundamental na historia fundacional de Santiago, que conta no seu tímpano acolle unha fermosa representación gótica da Epifanía ou Adoración dos Magos.

San Fiz de Solovio, que conta ademais con iluminación interior e exterior con motivo do Nadal, permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, grazas a Turismo de Santiago, coa colaboración do Arcebispado de Santiago, do Mercado de Abastos e da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago.

Ademais do alcalde Sánchez Bugallo; os concelleiros Mercedes Rosón e Sindo Guinarte; e o belenista José Uzal; na visita tamén estaban presentes a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e o cura párroco de San Fiz, Elisardo Temperán.

Compartir: