TURISMO

O proxecto Bodah certifica que o Casco Histórico de Santiago non está masificado

15/12/2022 Turismo de Santiago é o lider deste proxecto europeo no que participan oito entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda, Escocia e Gales. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, clausurou o seminario final desta iniciativa, que se celebrou hoxe pola mañá no Auditorio de Galicia.

O obxectivo desta xornada técnica era presentarlle aos representantes do sector turístico da cidade os principais traballos que se desenvolveron dende Turismo de Santiago no marco deste proxecto europeo.

No seminario fixéronse tres presentacións detalladas por parte dos responsables dos principais estudos que se elaboraron sobre a situación en Santiago. En primeiro lugar, o coordinador de Patrimonio e de I+D+i da Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico presentou o listado de indicadores que se estableceron como base para a recollida de datos por parte dos destinos piloto: Santiago, San Sebastián, Pau e Cork.

A continuación, a responsable técnico de Demoscopia de Sigmados, presentou en detalle o estudo "Metodoloxía de recollida, medición e análise de indicadores de xestión de fluxos turísticos dentro do Proxecto BODAH", que se elaborou no segundo semestre do 2021.

Para a elaboración deste estudo fixéronse 120 medicións en cinco puntos do Casco Histórico: praza do Obradoiro, praza da Quintana, praza de Galicia, Porta do Camiño e praza da Algalia de Abaixo. En ningunha das medicións se superou o valor crítico establecido no listado de indicadores base do proxecto de 0,92 m2 por persoa. Así, a medición máis elevada foi a rexistrada na Praza da Quintana, o 20 de agosto ás 12 horas, con valores máximos de 5,49 m2 de espazo para cada persoa.

Posteriormente, interviu o director do Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago e autor do libro 'Perpetuum Mobile. Movilidad en tiempos pandémicos', Miguel Pazos, quen presentou o estudo elaborado polo equipo do Cetur no marco do proxecto Bodah, 'Modelos de Xestión de Fluxos Turísticos'. Segundo este estudo elaborado no 2021, en xeral non hai unha percepción negativa entre as persoas residentes en Santiago sobre a masificación turística do Casco Histórico.

Finalmente, a responsable de Marketing de Turismo de Santiago, Yolanda Ferro, fixo unha presentación do curso de capacitación do proxecto Bodah, elaborado pola Universidade de Bangor. O curso, que estará dispoñible na páxina web do proxecto bodah.eu, contén o coñecemento xerado polo proxecto, cos principais estudos e datos aportados polos diferentes socios do mesmo.

Proxecto Bodah

No proxecto Bodah participan Turismo de Santiago, Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico, Fomento San Sebastián, Universidade Nova de Lisboa, Université de Pau et des Pays de l’Adour, Cork Institute of Technology, Glasgow Caledonian University e a Bangor University. O proxecto Bodah enmárcase no INTERREG Espacio Atlántico, un programa de financiación europeo que promove a cooperación transnacional en 36 rexións atlánticas de cinco países europeos. O Programa cofinancia proxectos de cooperación nos campos da Innovación e Competitividade, Eficiencia dos Recursos, Xestión de Riscos Territoriais e Biodiversidade, Patrimonio Natural e Cultural.

Direccións relacionadas



Compartir: