MEDIO AMBIENTE

Santiago de Compostela, referente na recollida de lixo orgánico

14/12/2022 Representantes da Cámara Municipal de Viana do Castelo reuníronse esta mañá coa concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, e persoal técnico do departamento que dirixe para interesarse polo sistema de recollida de materia orgánica que está a implantarse na cidade. A súa homónima da cidade portuguesa, Carlota Borges, recalcou que a capital de Galicia é "sempre unha boa referencia sobre o que respecta á xestión e recollida dos residuos".

O sistema de recollida da materia orgánica que se está a expandir por toda a cidade a través da instalación do quinto contedor, o marrón, non deixa de colleitar recoñementos. Hai unhas semanas, Sogama destacaba que a porcentaxe de impropios presentes nos contedores para residuos orgánicos supuña apenas un 1% nas primeiras catas realizadas. Agora, veciños da cidade portuguesa de Viana do Castelo reuníronse co departamento que xestiona a recollida de residuos, para analizar o funcionamento do sistema con interese en poder mellorar o seu servizo.

A concelleira responsable, Mila Castro, destacou que a campaña ‘Ti tes a chave!’ xa recorreu boa parte dos barrios da cidade colleitando unha boa aceptación entre a veciñanza "vemos como as veciñas e veciños están involucrados e concienciados na reciclaxe, estanse dando pasos para seguir mantendo a Santiago como referente na xestión dos residuos e, neste caso, dos bioresiduos, e esta visita é proba de que os pasos que está a dar o Concello da man da veciñanza son os acertados".

Logo dunha reunión de traballo, os equipos técnicos puideron comprobar de primeira man o funcionamento dos colectores, coa tarxeta magnética que permite levar un control máis rigoroso do uso destes contedores. Ademais, as representantes dos dous municipios ratificaron a súa intención de seguir mellorando na colaboración entre ambas administracións nun diálogo "de enriquecemento mutuo".

Compartir: