EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música celebra este venres o seu Festival de Nadal

14/12/2022 Este venres 16 de decembro, ás 19:00 horas, a Sala Brage do Auditorio de Galicia acollerá o Festival de Nadal 2022 da Escola Municipal de Música. No concerto, as agrupacións e colectivos da EMM darán a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses.

Un ano máis a Escola Municipal de Música (EMM) presenta o seu tradicional Festival de Nadal que terá lugar este venres no Auditorio de Galicia. Despois do parón que supuxo a pandemia e as consecuencias que isto tivo para o desenvolvemento das actividades musicais de conxunto, este Nadal as agrupacións da Escola volven coa maior das ilusións e enerxías renovadas.

As diferentes agrupacións participantes serán todas as que forman parte da Escola: os coros infantís, xuvenil e de adultos, a banda de iniciación (Bandiña), a orquestra de iniciación (Orquestriña), o Combo de Música Moderna, o Conxunto de Música Tradicional, a Orquestra, a Big Band e a Banda. Entre todas elas conforman un elenco de 253 alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os 8 e os 78 anos.

O repertorio que interpretarán fará un percorrido por diferentes estilos musicais, boa representación do eclecticismo e da ductilidade do que fai gala o plan formativo da Escola. Deste xeito, pasaremos pola música de jazz, da man de compositores como Miles Davis e Dizzy Gillespie, a música clásica con Grieg e Dvorák ou outra de ámbito máis tradicional e bandístico.

A Escola Municipal experimentou un crecemento progresivo nos seus xa 20 anos de existencia, tanto en alumnado como en calidade, o que obrigou a cambiar a localización do Festival de Nadal á súa nova localización na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, buque insignia da música en directo de toda Galicia. A cita será o vindeiro venres 16 de decembro ás 19:00 h e as entradas para asistir estarán dispoñibles na propia Escola a partir de mañá, día 15 de decembro.

Compartir: