EDUCACIÓN

Fabiola Anchorena recolle no Pazo de Raxoi o Premio Compostela para álbums ilustrados pola súa obra "Esperando o amencer"

14/12/2022 A autora peruana Fabiola del Rocío Anchorena Arias recibiu hoxe, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi, o "Premio internacional Compostela para álbums ilustrados 2022", convocado polo Concello de Santiago en colaboración coa editorial Kalandraka e dotado con 9.000 euros. A súa obra "Esperando o amencer", que o xurado seleccionou pola "pertinencia e a actualidade do tema tratado, no que a autora dá voz á Amazonía como protesta ante a explotación e a conseguinte destrución do medio".

A esta décimo quinta edición presentáronse 209 obras procedentes de 15 países: España, Italia, Ecuador, Portugal, Reino Unido, Rusia, Alemaña, Arxentina, México, China, Mauritania, Grecia, Kenia, Australia e Brasil.

Fabiola Anchorena agradeceu o premio ao xurado e definiu "Esperando o amencer" como "unha voz de protesta contra o que pasa no planeta" e recordou que "os bosques non son só fonte de alimentos e de osíxeno para os humanos, senón tamén o fogar de miles de criaturas". Coa súa obra. Fabiola pretende "facer un recordatorio a todas as persoas de que compartimos este lugar con moitos seres cos que debemos re-aprender a convivir".

Xosé Ballesteros, un dos fundadores e director da Editorial Kalandraka, anunciou que "Esperando o amencer" xa está nas librarías de toda a península e salientou que a obra premiada, na súa denuncia "da destrución da Amazonía, os pulmóns do mundo" responde á liña seguida por Kalandraka nos últimos anos, publicando obras "que apelan á defensa da natureza e ao posicionamento contra o cambio climático".

A continuación, Xosé Ballesteros fixo entrega dos exemplares do libro traducidos a cinco linguas á súa autora, Fabiola Anchorena, e ao alcalde.

Na súa intervención, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, felicitou a autora peruana, e definiu a súa obra como "unha chamada moi acaída sobre como o ser humano precisa da natureza, dos bosques e dos animais que forman parte do noso mundo, porque sen eles non poderiamos sobrevivir".

No acto, conducido pola técnica responsable do departamento de Educación, Beatriz Varela, actuou o dúo de música tradicional formado pola arpista Beatriz Martínez e o músico e luthier Diego Langarika (na guitarra acústica e o bouzouki).

Valoración do xurado

O xurado estivo formado pola editora Sonia Martínez (Piu Martínez); os ilustradores Marta Alexandra da Cruz, Federico Delicado e Xosé Cobas; e a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o concelleiro de Educación, Rubén Prol, actuaron como presidentes do xurado; e a técnica do departamento de Educación, Beatriz Varela, como secretaria.

A obra premiada conta o periplo dun grupo de "animais do día e da noite, que levados polo desasosego e a incerteza, deciden emprender unha viaxe para descubrir por que non amence", xa que "a selva amazónica está envolta, desde hai varias semanas, nunha noite moi longa".

Na valoración da obra o xurado destacou "a pertinencia e a actualidade do tema tratado neste álbum, no que a autora dá voz á Amazonía como protesta ante a explotación e a conseguinte destrución do medio". Ademais tamén se valorou a "poética do texto xunto coa atmosfera emocional que transmite este álbum, acentuada polo tratamento da cor, son elementos fundamentais da narración".

O Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka, publicará nos próximos meses a obra, que constituirá un dos eixos na proxección exterior da citada editorial e da cidade de Santiago a través das feiras internacionais do libro.

Fabiola Anchorena

Fabiola Anchorena, creceu entre Perú e Estados Unidos. Arquitecta de formación, dedícase á ilustración, principalmente coa naturaleza como protagonista e traballou en iniciativas vinculadas ao sector téxtil e ao deseño corporativo. Desde 2015 é a promotora do proxecto Different Folks Co. onde desenvolve as súas creacións elaboradas con distintas técnicas de debuxo, gravado e escultura.

'Esperando o amencer' naceu do medo, a incerteza e a angustia que sentiu a autora en 2019 cando a Amazonía ardía a causa dun dos peores incendios dos últimos anos. Un incendio que afectou principalmente a Brasil ao Perú e a Bolivia desde xaneiro ata setembro. Ese mesmo ano, outro incendio forestal estendeuse por toda Australia e converteuse nun gran desastre para a vida silvestre que afectou a tres mil millóns de animais.

Actividades paralelas

Como vén sendo habitual, coincidindo coa data de entrega do Premio Compostela, a autora premiada mantivo onte unha sesión co alumnado do IES de Sar e do CIFP Compostela para coñecer de primeira man o proceso de elaboración do álbum, as técnicas utilizadas, as fontes de inspiración, a traxectoria profesional, etc.

Obras premiadas en anteriores edicións

Nas edicións precedentes foron premiados 'Preto', de Natalia Colombo; 'Un gran soño', de Felipe Ugalde; 'A familia C', de Pep Bruno e Mariona Cabassa; 'O camiño de Olaj', de Martín León Barreto; 'Bandada', de David Álvarez e Julia Díaz; 'Mamá', de Mariana Ruiz Johnson; 'Ícaro', de Federico Delicado; 'Despois da choiva', de Miguel Cerro; 'Unha última carta', de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; 'A horta de Simón', de Rocío Alejandro; 'Cándido e os demais', de Fran Pintadera e Christian Inaraja; 'O can de Milu', de Máriann Maray; 'Desde 1880', de Pietro Gottuso; e 'Selva' de Marina Gibert.

Compartir: