ACCIÓN CULTURAL

Julia Huete inaugura 'Sequitur' na Zona C

13/12/2022 Este proxecto forma parte das propostas seleccionadas na categoría de intervención artística para este espazo, situado na praza de Cervantes. A exposición permanecerá aberta ata o 11 de febreiro de 2023 no horario habitual da Zona C: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h.

Mañá, mércores 14 ás 19.00 h, inaugúrase na Zona C a exposición 'Sequitur' da artista Julia Huete. No acto inaugural estarán presentes a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón Ferreiro, e a artista. Ambas presentaron esta mañá na sala de prensa do Concello o proxecto, que forma parte dos seleccionados dentro da categoría de intervención de artistas para a Zona C. As intervencións teñen lugar no primeiro e segundo andar deste espazo.

En Sequitur, Julia Huete produce unha serie de pezas bidimensionais e tridimensionais, de madeira e tecido, que proceden da observación e da manipulación que a creadora realiza sobre formas e materiais relacionados co vestido. Julia segue liñas de investigación de traballos anteriores e fai referencia no título a esta continuidade.

Dende hai tempo vén explorando o tecido tendo en conta as implicacións conceptuais deste material e as súas características plásticas. Nos anos 2020 e 2021 tivo a oportunidade de traballar dende dous puntos de vista que poderían considerarse opostos: artesanía e industria. Contou co apoio no proxecto de firmas galegas de artesanía (como Belategui Regueiro, cos que traballará de novo para este proxecto), que lle facilitaron o acceso aos seus talleres e unha aprendizaxe que lle permitiu profundar no coñecemento de materiais, métodos e procesos.

No verán de 2021 tivo unha residencia en León Guanajuato (México), cidade cunha forte industria de calzado. Investigando sobre os procesos de produción atopou que o cartón está presente en varias fases de case calquera tipo de fabricación, non só de roupa, e especialmente na distribución. O cartón das caixas é un material que, pensado para protexer e clasificar, resulta ser en realidade delicado e difícil de manipular sen que se estrague pero que co trato adecuado pode resultar incluso un elemento de gran resistencia estrutural. Remata así o ano de residencia cun proxecto que traballa sobre estes materiais menos nobres que a la, o liño ou a madeira: o cartón e o tecido sintético, reflexionando sobre a xerarquía de valor que lle outorgamos aos materiais e aos procesos.

Na intervención da Zona C continúa a desenvolver esta liña, propiciando a participación de traballadores artesáns como Belategui Regueiro. O traballo no tecido pon o foco no manual, mentres que os soportes demandan un tratamento máis preciso, especialmente a madeira. O resultado serán as diferentes pezas que ocupan os espazos da Zona C.

Entre as obras presentadas atópanse diferentes tipoloxías e materiais, como tapices irregulares de gran formato, pequenas pezas de cartón ou outras de tamaño medio en madeira. O modus operandi da artista con respecto aos temas escollidos non é nunca literal, senón que o concepto de orixe funciona máis ben como inspiración e punto de partida do que despois van xurdindo as pezas de xeito intuitivo.

Julia Huete

Julia Huete naceu en 1990 en Ourense. Graduouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, onde tamén fixo o máster e participou en programas de intercambio coa Fbaup (Porto) e coa UDG (Guadalajara, México). O seu traballo como artista profesional comeza pola aparición en diferentes certames e concursos como Xuventude Crea, Novos Valores ou Isaac Díaz Pardo e con galardóns no Premio para Artistas Novos do Auditorio de Galicia, no Concurso de Pintura da Universidade de Vigo ou no Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense. Destaca o seu paso pola Real Academia de España en Roma, onde foi beneficiaria dunha bolsa de creación no curso 2018-2019, e a participación no programa de Residencias CHARCO durante este ano en León, México. Está representada pola Galería Nordés (Santiago de Compostela), onde realizou dúas mostras individuais, Sobre el Pájaro y la Red (2018) e Como un verde, libro verde (2020), e coa que participou en feiras como Estampa, Just Mad ou ARCO. Dende 2015 expuxo colectivamente en diversas institucións e galerías: CGAC (2021), CA2M(2021), Azkuna Zentroa (2021), Espacio Valverde (2019) ou Maisterra Valbuena (2021). Pódese atopar a súa obra en grandes coleccións: DKV, CGAC, CA2M, Colección María Cristina Masaveu Paterson, MICA o Cerasi. Ademais, recentemente, foi finalista e gañadora do concurso Cervezas Alhambra, ARCO 2021. Actualmente vive entre Galicia e Roma e realiza estudos de doutoramento na Universidade de Vigo vinculados á súa práctica.

A exposición permanecerá aberta na Zona C até o 11 de febreiro de 2023, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. A Zona C permanecerá pechada os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro.

Compartir: