ACCIÓN CULTURAL

aRi[t]mar entrega este xoves os premios anuais da música e a poesía galego-portuguesas

12/12/2022 Lúa Mosquetera e Wilma Vieira, na categoría de poesía, Xisco Feijóo e Ana Moura, na de música, e Ponte... nas Ondas! recibirán os galardóns nunha gala que contará coas actuacións da artista lusa A garota não e da galego-arxentina Catuxa Salom. As entradas para asistir de público ao Teatro Principal poderán adquirirse de balde en compostelacultura.gal a partir deste martes día 13.

Todo preparado para a séptima edición da gala aRitmar, que se celebra este xoves 15 de decembro a partir das 20.30 h no Teatro Principal. Xisco Feijóo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recollerán os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía na Galiza e Portugal durante o pasado ano 2021, un galardón que tamén acadou a fadista, de recoñecida fama internacional, Ana Moura. O proxecto Ponte... nas Ondas! recibirá, pola súa banda, o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona, polo seu traballo constante en prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.

Á presentación da gala no Centro Internacional de Prensa de Galicia (CIPG), acudiu esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, que destacou a calidade das obras gañadoras así como a presenza de mulleres premiadas, "un indicador de que as mulleres están a liderar a creación artística".

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, promotora dos premios, aproveitou o acto para desvelar a actuación da artista emerxente Catuxa Salom, quen xunto coa artista setubalense A garota não serán as encargada de poñerlle banda sonora a esta nova edición. Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizarán o apartado poético nunha gala conducida por dúas caras coñecidas do mundo do espectáculo: Isabel Risco e Fran Rei.

Xosé Lago, director do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal, afirmou que aRitmar "é unha boa ferramenta para lograr o coñecemento mutuo entre ambos lados da Raia". O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, agradeceu a iniciativa da EOI polo seu traballo a prol dun ben intanxible como é a lingua común dunha comunidade de máis de 250 millóns de persoas.

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, salientou que "aRimar é unha feliz idea que xurdiu hai xa sete anos, que partiu dunha EOI moi activa e que supón un observatorio de contacto exitoso coa lusofonía", e anunciou o proxecto gañador do premio do xurado, o programa de radio interescolar Ponte... nas ondas!, que vén de lograr situarse na lista das mellores prácticas co Patrimonio Cultural da Unesco.

Entradas para a gala

Os convites para asistir como público a esta gala poderán retirarse a partir de mañá martes, 13 de decembro, ás 11.00 h na web compostelacultura.gal.Tamén se poderán retirar no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal o mesmo día do espectáculo desde unha hora antes do comezo do mesmo.

aRitmar

aRitmar Galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que tamén contou co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegármonos á cultura e á lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Trátase do único premio da música e a poesía galego-portuguesas outorgado polo público de ambas as dúas beiras do Miño.

Compartir: