MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

A rúa da Fonte dos Concheiros integrarase na zona 3 de residentes de San Pedro

11/12/2022 O Goberno Municipal ten previsto aprobar a inclusión da rúa da Fonte dos Concheiros na zona 3 de residentes de San Pedro. Trátase dunha petición veciñal que o departamento de Circulación e Seguridade Cidadá, que dirixe Gonzalo Muíños, incluiu na orde do día da Xunta de Goberno que se vai desenvolver mañá luns.

Unha vez aprobada esta inclusión, a veciñanza da rúa Fonte dos Concheiros poderá solicitar a correspondente tarxeta, que lle será outorgada sempre que cumpran os requisitos esixibles na ordenanza que regula o servizo da ORA e o aparcamento de residentes.

A reforma da rúa dos Concheiros levou aparellada unha serie de cambios na mobilidade. A rúa pasou a ser de preferencia peonil, polo que desde o Goberno Municipal se habilitaron novas alternativas de aparcamento, coa apertura de novos aparcadoiros, como os da Altiboia e Triacastela.

En concreto, das 100 prazas con que conta o aparcadoiro da Altiboia, aberto o pasado mes de febreiro, habilitáronse, daquela, 30 para residentes da zona 3 de San Pedro. Posteriormente, por acordo de Xunta de Goberno, de 25 de abril de 2022 aprobouse unha ampliación: as 30 prazas de 24 horas para residentes incrementáronse en 9 máis con réxime de horario nocturno de 21:00 a 9:00 horas. E tamén se lle deu o visto bó a delimitación de 22 prazas de aparcamento de residentes no carril de servizo, sentido subida, da Avenida de Lugo, entre os cruces da rúa Lóndres e da rúa Berlín, tamén en horario nocturno, de 21:00 a 9:00 horas. A maiores, destináronse as 28 prazas do aparcamento de Triacastela a residentes durante 24 horas. E por último, acordouse modificar o aparcamento da Ameixaga, que ata entón era en liña para 18 vehículos, a estacionamento en batería para 30 vehículos, tamén para residentes da zona 3, San Pedro, en horario nocturno de 21:00 a 9:00 horas.

De xeito paralelo, nesta mesma Xunta de Goberno, acordábase a modificación desta zona 3, incluindo no réxime de residentes os números do 1 ao 43, e do 2 ao 8, da Avenida de Rodríguez de Viguri; e os números do 191 ao 275 da Avenida de Lugo.

Estas modificacións supuxeron un incremento importante de prazas de estacionamento para os veciños e veciñas; quedando habilitadas 119 prazas de aparcamento nesa zona: 58 de 24 horas e 61 en horario de 21:00 h a 9:00 h. Todas estas accións foron consensuadas polo Goberno Municipal coa veciñanza de Rodríguez de Viguri e coa Asociación de Veciños a Xuntanza; igual que a inclusión da rúa da Fonte dos Concheiros na zona 3 de residentes de San Pedro, que atende tamén a unha petición veciñal.

Compartir: