ALCALDÍA

Os informes xurídicos obrigan ao Concello a recorrer a sentenza que anulaba a licenza de obras da gasolineira de Brandía

02/12/2022 "Os informes xurídicos recadados polo Concello non nos permiten tomar outra decisión" explica o alcalde, Sánchez Bugallo que insiste en que a "posición política do goberno local sempre foi contraria á construción desa gasolineira e a nosa vontade era evitar un recurso" pero sabendo que a propiedade xa recorreu e tendo "motivos para pensar que vai a haber máis recursos a única opción razoable que quedaba enriba da mesa era presentar este recurso que teríamos preferido evitar". Sánchez Bugallo deixa claro que a intención inicial era que a sentenza adquirira fixeza "pero toda vez que a empresa promotora xa presentou recurso, esa hipótese está descartada".

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela ditara unha sentenza pola que, a instancia do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia anulaba a licenza de obras que o Concello concedeu a Carburantes Lugo S.L. para construír un edificio comercial e unha unidade de subministro de carburantes en Brandía. A decisión xudicial, froito dun preito polas competencias profesionais para elaborar proxectos de gasolineiras, abría a porta para poder paralizar a apertura dunha gasolineira que "nunca contou co favor do equipo de goberno, motivo polo que nun inicio se descartaba este recurso".

Agora, logo de recibir os pertinentes informes da asesoría xurídica e do departamento de urbanismo, e ante o recurso que xa presentou a propietaria da gasolineira, a hipótese coa que se traballaba, de que a sentenza fora firme e se fixese efectiva queda descartada.

"A nós nos parecía unha hipótese aceptable que o procedemento quedara pechado" insiste o alcalde mais, toda vez que isto non vai a ser así "non nos queda máis remedio que acudirnos porque tamén é o que nos indican os informes xurídicos que temos recadado".

Un preito polas competencias profesionais entre enxeñeiros e arquitectos

A sentenza é froito dun litixio entre o Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), no que non tomaron parte os veciños da urbanización.

O concello admitira o proxecto porque contaba co visado do COAG e con todos os informes técnicos favorables mais, agora, o maxistrado dáballe a razón ao ICOIIG, censurando que o proxecto complementario estivera elaborado por un enxeñeiro técnico, en lugar dun enxeñeiro industrial superior que é "o único técnico competente para elaborar un proxecto de construción e posta en funcionamento dunha estación de subministro de combustible".

Esta cuestión está a abrir un debate competencial polo que, segundo avanzou o alcalde "non é descartable que outras institucións representantes de colectivos profesionais que se vexan prexudicados por esta definición de competencias emprendan accións legais" algo que, levará a que o procedemento dilate o seu peche.

Compartir: