TURISMO

Turismo de Santiago participa en Glasgow na Conferencia Final do Proxecto Bodah

18/11/2022 Liderado por Turismo de Santiago, o proxecto europeo BODAH pretende mellorar o coñecemento e a xestión dos fluxos turísticos nas cidades patrimoniais do Arco Atlántico.

O proxecto europeo "Big e Open Data para o desenvolvemento de novos procesos cara a xestión do patrimonio atlántico" (Bodah), liderado por Turismo de Santiago e no que participan oito entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda, Escocia e Galesde, celebra o 17 e o 18 de novembro a súa Conferencia Final en Glasgow.

O proxecto Bodah comezou cunha xornada inicial que se celebrou en Santiago no mes de outubro do 2019. O Bodah ten coma obxectivo fortalecer un modelo desenvolvemento sostible do turismo, dos fluxos de cidadáns e a redistribución dos seus impactos.

As principais conclusións do proxecto no caso de Santiago establecéronse a partires do estudos sobre a situación da cidade, feito en base a un Protocolo de Medición de Indicadores elaborado pola Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico.

Seguindo as liñas marcadas por este Protocolo, no segundo semestre do 2021 fíxose un estudo da situación da carga turística no Casco Histórico que, entre moitas outras variables, incluiu a medición do fluxo de persoas en cinco espazos cun importante tránsito de turistas: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza de Galicia, Porta do Camiño e Praza da Algalia de Abaixo. A partires destas medicións puido concluirse que en ningún destes lugares se produce unha situación de masificación turística, segundo os límites establecidos polo "Jacobs Method", de referencia neste ámbito.

Co obxecto de difundir polo miudo o traballo feito dentro do proxecto Bodah, o vindeiro 15 de decembro celebrarase unha xornada técnica en Santiago, destinada aos principais axentes locais vinculados co sector turístico.
No proxecto Bodah participan Turismo de Santiago, Fundación Santa María La Real del Patrimonio Histórico, Fomento San Sebastián, Universidade Nova de Lisboa, Université de Pau et des Pays de l’Adour, Cork Institute of Technology, Glasgow Caledonian University e a Bangor University.

O proxecto Bodah enmárcase no INTERREG Espacio Atlántico, un programa de financiación europeo que promove a cooperación transnacional en 36 rexións atlánticas de cinco países europeos. O Programa cofinancia proxectos de cooperación nos campos da Innovación e Competitividade, Eficiencia dos Recursos, Xestión de Riscos Territoriais e Biodiversidade, Patrimonio Natural e Cultural.

Compartir: