ACCIÓN CULTURAL

Dous novos itinerarios pola "Compostela Feminista" e a "Compostela Mural" ofrecen unha ollada diversa ao patrimonio da nosa cidade

16/11/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada polo filósofo e historiador Pablo Neira e os xestores do patrimonio Alba Rivas e Jorge Viz, presentou hoxe as versión impresas dos roteiros "Compostela Feminista" e "Compostela Mural", dúas novas propostas para achegarse ao patrimonio artístico da nosa cidade.

O Departamento de Acción Cultura do Concello de Santiago, en colaboración co Equipo de investigación Gradina da USC, deron forma a estas dúas rutas culturais coa finalidade de dar a coñecer a mulleres ocultadas pola Historia, así como poñer en valor o traballo e as autoras do eido do muralismo.

Durante a rolda de prensa, Mercedes Rosón explicou que se trata de dous itinerarios, cun mapa por unha cara, e con información noutra, que se repartirán de balde no Teatro Principal e na Zona C co obxecto de que "tanto a veciñanza de Santiago, como as persoas que nos visitan, poidan descubrir esa Compostela máis descoñecida, pero tan importante a nivel histórico e tamén artístico".

A concelleira convidou á cidadanía a achegarse a estas dúas novas rutas culturais xa que axudan á "visibilización de mulleres senlleiras da historia local por medio da súa equiparación con homes coetáneos e do mesmo eido que, a diferenza delas, si están presentes nos monumentos do espazo público da cidade". Ademais, tamén permite "a posta en valor das intervencións pictóricas murais, moi en auxe hoxe en día".

Compostela feminista

O itinerario Compostela feminista pretende concienciar sobre a falta de monumentos de mulleres en Santiago, unha realidade que arestora está sendo corrixida polo Concello, ademais de dar a coñecer a vida esquecida de figuras femininas relevantes na sociedade galega.

Na publicación plantéxanse un total de oito "cambios" xustificados por seren coetáneos ou por coincidiren no ámbito laboral ou académico, nos que se propoñen oito figuras femininas para seren equiparadas ás masculinas presentes no espazo público. Os cambios propostos, acompañados coas biografías das implicadas, comprenden figuras de varios séculos, dende a proposta de Ximena Garcés e Afonso II de Oviedo, do século IX, ata a máis recente, de José María Acuña López e Milagros Otero Túñez.

Compostela mural

Compostela mural é unha ruta cultural esencial para visibilizar as pezas das creadoras máis destacadas da cidade. Un total de 16 obras sinaladas crean un percorrido que parte do Castiñeiriño e remata nas Fontiñas. Abrangue obras individuais e colectivas que van dende o 2016, coa intervención de Yoseba MP no CEIP das Fontiñas, ata pezas recentes como "Casa", do 2021, de Xoana Almar, de Cestola na Cachola. O conxunto das 16 pezas aséntase como unha mostra significativa das diferentes autorías e formas de intervir pictoricamente o espazo público de Santiago, representativa da calidade artística existente.

Compartir: