PLENO

O pleno dá luz verde a dous créditos para os gastos de manutención e aloxamento das persoas refuxiadas ucraínas e para o equipamento do Centro de Servizos Innovadores do Biopolo

14/11/2022 O pleno do Concello aprobou por unanimidade dous expedientes de crédito extraordinarios: un deles por importe de arredor de 53.000 euros para pagar os gastos de manutención e aloxamentos das persoas refuxiadas ucraínas acollidas en Santiago; e outro, por importe de 300.000 euros, destinado a unha subvención á empresa Sionlla Biotech, SL. para o equipamento do Centro de Servizos Innovadores para empresas biotecnolóxicas.

Esta segunda axuda permitirá adecuar á infraestrutura o equipamento necesario, co obxecto de que permita un uso colaborativo das instalacións dotándoas de sistemas de seguridade axeitados ao nivel que van a precisar as empresas usuarias. Así mesmo, búscase mellorar a súa eficiencia enerxética e asegurar un nivel de subministro enerxético que garanta unha axeitada conservación dos activos de empresas e o uso óptimo das tecnoloxías da comunicación.

Tamén se aprobou por unanimidade outro expediente de crédito extraordinario por importe de 53.409,45 euros, financiado con baixas por anulación, para aboamento de gastos de manutención e aloxamento de persoas refuxiadas ucraínas acollidas en Santiago de Compostela, como consecuencia da invasión rusa.

Os puntos 4 e 5, a aprobación do expediente de crédito extraordinario por importe de 324.158,56 para gastos xerais do Concello e do expediente de suplemento de crédito por importe de 827.633,16 euros para transporte urbano e metropolitano, financiado con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do exercicio 2021, sairon adiante cos votos a favor do grupo socialista e coa abstención do resto dos grupos.

Compartir: