XUNTA DE GOBERNO

Apróbase o proxecto de reurbanización da rúa García Lorca

14/11/2022 A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou hoxe o proxecto técnico de reurbanización da rúa de García Lorca coas por un importe máximo de licitacion de 1.052.134,25 euros, IVE incluído. Tamén se aprobaron distintas adxudicacións de contratos, entre elas a do servizo de limpeza en edificios e instalacións dependentes do Concello á empresa Lacera Servicios y Mantenimiento SA, que presentou unha oferta económica 3.918.244,66 euros para os próximos tres anos.

Coa reurbanización da rúa García Lorca melloraranse as condicións de accesibilidade e procederase á substitución, renovación e/ou mellora das instalacións urbanas, como son as redes de abastecemento de auga, saneamento, distribución de enerxía eléctrica, rede de telecomunicacións e rede de abastecemento de gas.

As actuacións que se levarán a cabo no eido da accesibilidade serán, entre outras, a eliminación de obstáculos que dificulten os percorridos peonís, deseño de ramplas para salvar desniveis, continuidade de beirarrúas, ou renovación dos firmes e pavimentos que se atopen en mal estado. O prazo de execución é de 24 meses, no que non computarían retrasos alleos á empresa que xustifiquen a prolongación da execución do contrato.

Para a reurbanización da rúa García Lorca abórdase a accesibilidade universal, a supresión de barreiras arquitectónicas e a priorización da seguridade peonil, así como a humanización do espazo formado no interior da rúa Celso Emilio Ferreiro. A maiores, darase continuidade ás beirarrúas, incluido o tramo inexistente, á altura do número 1 da rúa Celso Emilio Ferreiro en diante. O proxecto técnico propón a creación de espazos seguros previos aos pasos de peóns para o cruzamento das rúas, prolongando a plataforma da beirarrúa ata o límite da banda de estacionamento, para que os peóns poidan ter mellor percepción dos vehículos que se acheguen. A maiores, vaise potenciar esta seguridade dispondo dun punto de luz ao comezo dos pasos de peóns, de xeito que o ilumine para que poida ser percibido mellor polo tráfico rodado.

Lévanse a cabo outras actuacións puntuais, como a redución do chanzo que existe á altura dos números 14 e 16 da rúa García Lorca; ou a creación dunha rampla que permita o acceso universal á praza de Travesía do Cendal, dando continuidade ao tráfico peonil entre a rúa García Lorca e esta travesía.

En canto á praza de Celso Emilio Ferreiro, cun 80% da súa superficie ocupada por vehículos, proponse a creación dun espazo de aparcadoiro próximo e paralelo á rúa García Lorca. Un espazo pavimentado de vocación flexible, que poida ser utilizado pola Asociación de Veciños do Barrio de Vite, cuxo local se atopa nas inmediacións, para a celebración de actos, encontros, etc. que dinamicen a vida social da zona.

Tamén se propón, a petición da asociación veciñal, a eliminación dos peches dos xardíns, garantindo a privacidade das vivendas en planta baixa mediante a plantación de sebes, a condición de que quede
demostrada a súa titularidade pública.

Adxudicacións

A Xunta de Goberno tamén adxudicou varios contratos. Entre eles o do "Servizo de limpeza en edificios e instalacións dependentes do Concello de Santiago de Compostela" á empresa Lacera Servicios y Mantenimiento SA, que presentou unha oferta económica, IVE incluido, de 3.918.244,66 euros. Esta cantidad dividirase nas seguintes anualidades: 2022 e 2025, cun gasto de 653.040,77 euros por cada ano; e 2023 e 2024, cun gasto de 1.306.081,55 euros cada ano. Foi a mellor oferta presentada, ao comprometer, a maiores, unha bolsa de 600 horas anuais sen custo para o Concello e a recollida de papel de reciclaxe nos colectores habilitados nos edificios e instalacións obxecto deste contrato.

O executivo municipal tamén adxudicou o contrato das "Obras para a instalación de alumeado público na rúa das Estrelas", á empresa Vilela Electricidad, SL, que presentou unha oferta económica de 87.547,99 euros, IVE incluido. Esta empresa ofrecía, a maiores, unha ampliación do prazo de garantía de 10 anos, de xeito que esa garantía pasaría a ser de 11 anos; e a a dedicación de, polo menos, a metade da xornada dun enxeñeiro técnico industrial especialista en electricidade.

Por outra banda, adxudicouse o "Servizo de xerencia do plan desenvolvemento turístico sostible de Santiago de Compostela" á empresa Estratexia e organiación SA, que presentou unha oferta económica de 109.710,52 euros, IVE engadido.

Licenzas

Entre as licenzas aprobadas, figura a da construción de 58 vivendas de protección autonómica en réxime concertado, 8 locais comerciais, 124 prazas de garaxe e 58 rochos na rúa Manuel Ceruelo, pertencente ao SUNP-14.

A maiores, aprobáronse outras dúas licenzas para a instalación de ascensores co obxecto de mellorar a accesibilidade nos edificios 101 B da rúa da Pastoriza; e nos números 171-173 da Avenida de Lugo.

Documentos relacionados



Compartir: