TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España promocionarase internacionalmente en Asia e Iberoamérica

12/11/2022 A primeira Tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Cidade Histórica e Acción Cultural, Mercedes Rosón, asistió hoxe á Asamblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebrada en Cáceres; na que se anunciaron as próximas accións de promoción internacional que vai levar a cabo o Guupo en Asia e Iberoámerica. Foi un día despois da entrega do Premio Patrimonio 2022 á galerista Helga de Alvear, por converter o Museo Helga Alvear nunha referencia da arte en Europa.

O presidente do Grupo, o alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo explicou tras a reunión da asemblea que "a primeira acción internacional prevista para a próxima semana é a promoción das nosas cidades en Asia, concretamente en Xapón e en Corea do Sur, dous mercados estratéxicos para o Grupo. Alí, tanto en Tokio como en Seúl, terei ocasión, en colaboración
con Paradores e Turespaña, de manter encontros cos operadores turísticos e axencias de viaxes máis relevantes de ambos países para mostrar todo
o que ofrecen as cidades do Grupo, coa vista posta en atraer a estes visitantes, que se caracterizan por un alto poder adquisitivo e por estancias longas no noso país. Transmitirémoslles a nosa oferta patrimonial, e as virtudes que máis aló dela adornan as nosas cidades, ben comunicadas, con establecementos hostaleiros de gran calidade, moi cómodas, con amplas zonas peonís e cunha oferta cultural extraordinaria".

A seguinte viaxe será a Cuba, onde o vicepresidente e alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, asinará un acordo entre as cidades patrimoniais cubanas, mejicanas, italianas e españolas, "no marco do esforzo que estamos a facer este ano para reforzar os lazos coas cidades patrimonio doutros puntos do mundo, na liña do que fixemos en xuño coas mexicanas", engadiu Carlos García Carbayo, quen puntualizou que "estas alianzas coas cidades patrimonio iberoamericanas son moi relevantes de cara ao próximo ano, xa que o noso obxectivo é contar coa súa complicidade na celebración do 30 aniversario do Grupo e, moi especialmente, no evento por antonomasia da nosa asociación, que é a celebración da Noite do Patrimonio, que terá lugar o 16 de novembro de 2023 e que, como é habitual, celebrarase de forma simultánea nas nosas 15 cidades".

Estas accións de promoción internacional continuaranse con novas presentacións no mercado nacional, co obxectivo de continuar unha liña de traballo que, en opinión de García Carbayo, "tivo excelentes resultados xa que 2022 foi o ano da consolidación da recuperación turística, con marca de visitas de turistas ás nosas cidades".

Na asemblea de alcaldes e alcaldesas de hoxe tamén se abordou a presentación da candidatura do Grupo para formar parte da Plataforma Intelixente de Destinos Turísticos. Segundo García Carbayo, "trátase dun proxecto cun investimento de 130 millóns de euros, procedentes dos Fondos Europeos, que comprende a xestión da completa experiencia do viaxeiro, permitindo a participación de todos os actores".

O Concello de Cáceres acolleu a asemblea, que se celebrou tras a entrega do Premio Patrimonio 2022 á galerista Helga Alvear, nun emotivo acto no que confesou que coleccionar arte fora para ela unha paixón e "un vicio". O Premio Patrimonio 2022 supón un gran recoñecemento á galerista que converteu a Cáceres nunha referencia internacional da arte de vangarda, e á que o Grupo recoñece desta forma a súa xenerosidade, unha proposta do alcalde de Cáceres, Luís Salaya, que foi secundada por unanimidade polas 15 cidades. Salaya agradeceu a Helga de Alvear o seu compromiso coa cidade a través do Museo Helga de Alvear que, segundo dixo, "converteuse na catedral de Cáceres, cidade que conta cun dos conxuntos monumentais máis importantes de Europa e agora, grazas a Helga de Alvear, tamén cunha colección de arte e un museo únicos no mundo".

Acompañada pola delegación do Grupo; polo Premio Nacional de Arquitectura, Emilio Tuñón, e polos representantes do restaurante Atrio, o chef Toño Pérez e o catador José Polo, a galerista fixo un percorrido polo museo explicando os motivos que lle levaron a elixir cada unha das obras. Tamén destacou a importancia e beleza dun edificio, obra de Emilio Tuñón, que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura por "a calidade e excelencia da súa obra construída, recoñecida internacionalmente e que tivo un profundo impacto social".

A asemblea de hoxe foi a última do ano presidida polo alcalde de Salamanca,
Carlos García Carbayo, quen quixo "agradecer o apoio continuo dos alcaldes
e alcaldesas, sempre pendentes de enriquecer coas súas achegas este traballo común que levamos a cabo a favor dos nosos municipios. A presidencia do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade é unha honra que se vive só cada 15 anos e síntome enormemente afortunado por ter esta inesquecible experiencia que lembrarei sempre. En todo momento sentinme moi arroupado e espero estar á altura do que esixe esta responsabilidade tan importante, que a partir do 1 de xaneiro de 2023 recaerá no actual vicepresidente e alcalde de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez".

Carlos García Carbayo concluíu subliñando que "o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é un exemplo de unidade, colaboración e coordinación de actuacións. Con independencia da cor política dos nosos concellos, móvenos o obxectivo compartido de promocionar as nosas cidades e difundir os nosos valores culturais e patrimoniais dentro e fóra de España".

Compartir: