AUDITORIO DE GALICIA

O Auditorio de Galicia acolle as Xornadas de Ilustración urbana, dentro do programa de Compostela Ilustrada

03/11/2022 A Sala Mózart do auditorio de Galicia acolle ata este sábado as Xornadas de Ilustración Urbana. Tres sesións que se celebran en horario de tarde, a partir das 16.30h e con conferencias de nomes de recoñecido prestixio no mundo da ilustración. Este xoves foi a inauguración da man da directora de Compostela Ilustrada, Maru Godas, que será a encargada de moderar as conferencias. Tamén na inauguración a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón destacou que eventos como este poñen "en valor o universo creativo da nosa cidade así como os seus espazos e riqueza paisaxística".

A primeira das conferencias tivo como protagonistas a Miguelanxo Prado e Rita Sabler. Ambos profundaron no seu proxecto "Camiñamos para parar". Un retrato a través da ilustración da ruta xacobea que emprenderon ambos, facendo o Camiño de Inverno con lapis e papel e que tivo como resultado unhas postais que se poderán ver desde o venres no Museo das Peregrinacións.

Nas próximas sesións tomarán a palabra Marielle Durand, o recentemente galardonado co Premio Finistres (2022) Francesc Capdevila, máis coñecido como Max, Victor Aparicio, Gala Pont ou Mario Linhares entroutros.

Ademais, durante as xornadas o público asistente poderá seguir a realización en directo dun mural nos tres días que duran as xornadas nas mans do colectivo Cestola na Cachola, formado polos artistas Xoana Almar e Miguel Penalta.

Compartir: