ACCIÓN CULTURAL

Vistas a Eslovenia desde o Museo do Pobo Galego

03/11/2022 A exposición Eslovenia, do fotógrafo Janez Kramar, organizada polo Concello de Santiago en colaboración co Museo do Pobo Galego, abriu esta mañá as súas portas ao público. Son 31 imaxes nas que se poden apreciar a "riqueza paisaxística e cultural de Eslovenia que conta cun importante mosaico baixo a protección da UNESCO" destacou a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón no acto de inauguración que contou tamén coa presencia do embaixador de Eslovenia en España, Robert Krmelj.

No acto participaron tamén os voceiros de tódolos grupos da Corporación municapl, así como o director do Museo, Manuel Vilar e a súa vicepresidenta, María Xosé Fernández. A exposición permanecerá aberta ao público ata o 27 de novembro.

Durante o acto, a concelleira de Acción Cultural salientou que "a pesar da distancia que nos separa en kilómetros, Eslovenia e Compostela fican unidas por un das rutas Europeas do camiño de Santiago que xa teñen percorrido moitas e moitos peregrinos".

Janez Kramar

O fotógrafo Janez Kramar naceu ou 16 de maio de 1942 en Slovenski Javornik, Eslovenia.

Despois de rematar a formación secundaria de economía, conseguiu un traballo na ferrería Jesenice, onde traballou no departamento de persoal até a súa xubilación. A fotografía foi a súa paixón desde a infancia. Os seus principais temas fotográficos entrelázanse coas súas afeccións e intereses, como a aviación, as viaxes, as ciencias naturais e a natureza. Gran parte da súa fotografía dedícase á representación de paisaxes e das marabillas da natureza. Participou en máis de 560 exposicións con participación internacional, das cales 400 foron no estranxeiro e 47 individuais. En 2006, a Asociación Fotográfica de Eslovenia outorgoulle o título de máster de fotografía. Recibiu premios e distincións da Asociación de Fotógrafos Americanos e da Federación Internacional da Arte Fotográfica (EFIAP distinción). Ademais recibiu varios premios en Eslovenia, incluído o mérito dourado da fotografía da Asociación Fotográfica de Eslovenia, o premio do municipio de Kranjska Gora e o premio Janez Puhar da Asociación Fotográfica de Eslovenia.

Compartir: