‘A Santiago Vou’, o lema co que a V Edición de Compostela Ilustrada programa máis de 40 actividades por toda a cidade

26/10/2022 Entre o 3 e o 6 de novembro volve Compostela Ilustrada tras o parón da pandemia con obradoiros na rúa, dúas exposicións, workshops e outras moitas actividades repartidas por diferentes puntos da cidade: o Auditorio de Galicia, o Mercado de Abastos, San Martiño Pinario, a libraría Cronopios ou a Casa do Taberneiro. Todo desde unha perspectiva de xénero porque se trata "de reflexionar, reivindicar e crear a través da ilustración, do debuxo e do cómic" apuntou a concelleira de Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón, "poñendo en valor o universo creativo propio da cidade que xa é arte".

Presentouse a quinta edición este mércores en rolda de prensa na que, ademais de Rosón, participou o deputado provincial Xurxo Couto e a organizadora do evento, Gemma Sesar. Entre as súas actividades destacan as Xornadas de Ilustración Urbana, que acollerá o Auditorio de Galicia o 3,4 e 5 de novembro. Precisamente será baixo a coordinación de Gemma Sesar e moderadas por Maru Godás. Ao longo de tres días, a Sala Mozart do Auditorio será lugar de encontro para afeccionados e afeccionadas, curiosos e público en xeral que gozarán coas destrezas dos e das debuxantes. Ademais, poderán escoitar as aportacións de diferentes profesionais do ámbito da ilustración con conferencias a cargo de Miguelanxo Prado, Rita Sabler, Marielle Durand ou Gala Pont.

Máis de 120 participantes chegados de todo o mundo -Italia, Francia ou EEUU- daranse cita en Compostela, participando nos diferentes obradoiros ou nas quedadas para debuxar, como a que acollerá a Hospedería de San Martiño Pinario o domingo 6. Ademais, dúas exposicións estarán abertas ao público. A primeira será ‘Murales ilustrados’, que marcará o inicio desta nova edición da cita do debuxo por excelencia. Será o xoves ás 13:00h en Afundación e que servirá de escaparate de todos os murais que se elaboraron nas xornadas.

O venres cortarase a cinta da outra exposición, ‘Camiñamos para parar’ no Museo das Peregrinacións. Unha mostra partillada, de Miguelanxo Prado e Rita Sabler. Ademais destas actividades, como novidade, este ano ofrécese unha beca para máis de 20 alumnos, en colaboración coa escola de deseño Mestre Mateo na que poderán aprender a facer un storyboard counha das figuras máis importantes do cómic en español, Francesc Capdevila, máis coñecido como Max.

Compartir: