ACCIÓN CULTURAL

O proxecto 'Utópicas. Arte e territorio' remata o seu proceso na sala de exposicións do Auditorio de Galicia

25/10/2022 A iniciativa, que corresponde a 7H Cooperativa Cultural con produción do Auditorio de Galicia, desenvolverá toda unha serie de actividades abertas ao público na sala de exposicións ata o 21 de novembro. O día 22 inaugurarase unha mostra resultado de todo o traballo.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá, na sala de prensa do Concello, o proxecto ‘Utópicas. Arte e territorio’. Fíxoo acompañada do director do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e de Sara Alonso, membro de 7H Cooperativa Cultural que levan o comisariado e coordinación do proxecto.

'Utópicas' comezou a andar nos primeiros meses do ano. Esta proposta experimental está inspirada nos laboratorios cidadáns e está dirixida a persoas non necesariamente con formación ou experiencia artística. Tras recibir 30 candidaturas, escolléronse cinco propostas vinculadas a Compostela desde as identidades, os feminismos, a memoria colectiva e a loita social. Despois, abriuse unha nova convocatoria que permitiu conformar, a través da participación da cidadanía interesada, os equipos encargados de materializar as ideas en realidades artísticas concretas.

Os cinco colectivos constituíronse como grupos de traballo baixo os nomes de: Corpos en resistencia, Libros que fan barrio, Na procura dun bosque, Percorrendo a memoria e Rúas da memoria.

Cada un deles traballou entre os meses de xuño e outubro para deseñar e executar de forma colaborativa as súas iniciativas. Nos procesos de traballo, as súas integrantes asumiron o rol de creadoras, comisarias e axentes culturais, rachando co esquema creador (artista profesional) - receptor (cidadán), e desenvolveron diversas accións de investigación e creación que ampliaron os marcos da comunidade implicada no proxecto, ocupando e tecendo redes co espazo público.

Desde o espazo público o traballo pasa agora a sala de exposicións do Auditorio de Galicia, iniciando unha nova fase do proxecto e a súa recta final:

Do 25 de outubro ao 21 de novembro work in progress. Nestas semanas a sala de exposicións do Auditorio de Galicia será lugar de traballo para os cinco colectivos que van ocuparse da produción e montaxe. Calquera persoa poderá achegarse a observar os procesos de traballo e conversar con comisarias e creadoras. Durante este período a sala estará aberta ao público no horario habitual.

Tamén poderán sumarse ao proxecto o público en xeral participando nas actividades que se publicarán semanalmente na web de Compostela Cultura e en redes. Calquera persoa interesada tamén poden solicitar información no mail utopicas@7hcoop.gal

O 22 de novembro inaugúrase ‘Utópicas. Arte e territorio’. Poderemos ver na sala de exposicións o resultado dos traballos, nunha exposición que se manterá aberta ate xaneiro.

A entrada é de balde e o horario da exposición é todos os días de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h. Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00h. Entrada de balde.

Compartir: