TURISMO

O turismo internacional supera o español en setembro con máis de 90.000 pernoctacións

25/10/2022 Os establecementos hoteleiros de Santiago sumaron no pasado mes de agosto 177.314 pernoctacións, cun cremento do 19,36% respecto de agosto do ano 2019, segundo os datos do INE, confirmando a plena reactivación da demanda nesta temporada de verán tras a crise xerada polo Covid-19.

O turismo internacional foi predominante no pasado mes de setembro na cidade, confirmando tamén a recuperación dos principais mercados emisores a Santiago, que en xeral contan cun gasto medio diario superior ao gasto medio dun turista español.

En setembro houbo 92.784 pernoctacións de turistas estranxeiros na cidade, superando aos turistas españois, que xeraron 84.530. É o terceiro mes do ano no que os turistas internacionais superan aos turistas españois en Santiago, logo de que xa pasara nos meses de maio e xuño. Deste xeito, continúase evolucionando cara un modelo turístico máis desestacionalizado e sostible, con maior presenza do turismo internacional fora dos meses centrais do verán.

A maior presenza de turismo internacional na cidade permite elevar os prezos medios, aumentando ao tempo o número de pernoctacións, de tal xeito que se incrementa o impacto económico que ten o turismo no Concello. Segundo o INE, no mes de setembro a tarifa media diaria en Santiago foi de 94,54 euros, cun incremento do 16,41% respecto de setembro do 2021. A modo de comparación, a tarifa media en A Coruña en setembro foi de 65,53 euros e en Vigo de 71,46.

No acumulado anual, de xaneiro a setembro, Santiago supera xa amplamente o millón de pernoctacións. En concreto, chega ás 1.173.674, cun crecemento do 2,70% respecto do mesmo periodo do ano 2019, no que se conseguiu o record anual de pernoctacións na cidade. De prolongarse esta tendencia no último cuatrimestre do ano, 2022 rematará rondando por primeira vez o millón e medio de pernoctacións anuais nos establecementos hoteleiros da cidade.

Os datos de pernoctacións de setembro recollidos polo INE, sumados aos datos de evolución do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro recollidos por AENA, que neste verán foi o aeroporto con mellor comportamento de España en comparación ao ano 2019, confirman a forte reactivación turística da cidade ao longo do ano, situando a demanda turística da cidade xa por riba dos datos pre-Covid.

Compartir: