ACCIÓN CULTURAL

O Concello rende homenaxe a García Lorca no 90 aniversario da publicación do "Madrigal" á cidade de Santiago

25/10/2022 Unha ofrenda floral diante da escultura situada na Alameda lembrou este martes, Día de García Lorca en Galicia, ao escritor. O poeta granadino coñeceu Santiago sendo estudante universitario en 1916, e regresou logo en varias ocasións en 1932 e aquí publicou os Seis poemas galegos en 1935.

Coincidindo co Día de García Lorca en Galicia e co 90 aniversario da publicación, en Compostela e Lugo, do primeiro dos Seis poemas galegos, o coñecido como "Madrigal á cibdá de Santiago", o Concello de Santiago rendeu hoxe homenaxe ao célebre poeta andaluz cunha ofrenda floral diante da súa escultura (obra de Álvaro de la Vega) na Alameda. Ao acto asistiron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o concelleiro do PP Ramón Quiroga, a concelleira de Compostela Aberta Blanca Novoneyra e o escritor e editor Henrique Alvarellos.

Foi nas revistas Yunque de Lugo e Resol de Santiago onde aparecería publicado, no outono de 1932, o célebre «Chove en Santiago / meu doce amor...», os dezaseis versos do «Madrigal», única composición dos futuros Seis poemas galegos que se faría publica antes da edición final do libro (que editaría finalmente Ánxel Casal en decembro de 1935).

En novembro de 1932, García Lorca deixou manuscrito este Madrigal aos seus amigos de Lugo, entre eles, Ánxel Fole e o futuro alcalde republicano Francisco Lamas (que o conservou toda a súa vida), e axiña o publicarían na Cidade das Murallas e logo, a través de Arturo Cuadrado, en Compostela.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou que «Lorca sentiu esta cidade fondamente. Desde os seus 19 anos, cando a visitou por vez primeira, ata o final da súa curta vida. Adoraba a Quintana e sentíase moi preto do pensamento e da poesía de Rosalía de Castro, por iso a súa escultura se ergue diante da nosa maior poeta».

Henrique Alvarellos, impulsor, desde 2018, do Día de García Lorca en Galicia —data que lembra o 25 de outubro de 1916, cando un Lorca universitario de 19 anos chegaba por vez primeira a Santiago, á estación de tren de Cornes— sinala que «García Lorca quedou fascinado por Compostela. Foi un impacto. Visitará a cidade ata en catro ocasións, tres delas en 1932, dúas case seguidas en maio daquel ano. E Santiago abre e pecha os poemas galegos que editou Casal na rúa do Vilar».

A homenaxe compostelá a Lorca continuará o vindeiro domingo durante o concerto que a Banda Municipal de Santiago ofrecerá ás 12 horas no Auditorio de Galicia.

Compartir: