MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello aumenta a sinalización e o control na parroquia de Lavacolla para pór coto ao aparcamento fóra das zonas permitidas

23/10/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado de distintos membros do Goberno Municipal, mantivo este domingo unha xuntanza coa Asociación de Veciños Ruta Xacobea de Lavacolla. Nela, o concelleiro de Tráfico, Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, sinalou que se está a reforzar a sinalización na contorna do aeroporto. Lembrou, ademais, que as competencias son da Gardia Civil polo que "imos insistir á delegación do Goberno" para que incremente a vixiancia na zona ".

Trala reunión, á que acudiron ademais do alcalde e o responsable de Mobilidade; a concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Mila Castro; e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel; Gonzalo Muíños detallou as accións que xa se levaron a cabo desde o goberno local. Entre elas, incrementouse a sinalización "para facilitar o traballo dos corpos de seguridade", púxose coto ás parcelas de AENA que se estaban a empregar de aparcadoiros ilegais e estanse "retirando aqueles vehículos que supoñan algún perigo para a seguridade".

Porén, o concelleiro de Tráfico explicou que as competencias municipais, neste termo son "moi limitadas" posto que a vía é competencia da Gardia Civil, polo que os próximos pasos que se darán serán en aras de conseguir un maior compromiso da delegación do Goberno en Galicia para incrementar a vixiancia na zona.

Na mesma reunión abordáronse asuntos de interese para a parroquia como o incremento da iluminación, tendo en conta o crecemento que tivo a zona nos últimos anos, así como a mellora dalgúns equipamentos públicos e melloras tamén en materia de recollida de lixo. Todo, aseguran, "xa en marcha".

Compartir: