ALCALDÍA

Concello e Xunta acordan a sinatura dun convenio para a mellora dos accesos ao CHUS que contempla a construción dun novo aparcadoiro

21/10/2022 A situación actual do Hospital Clínico de Santiago e a previsión de necesidades futuras foi unha das cuestións abordadas na xuntanza que esta mañá mantivo o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. No encontro, que se prolongou por preto de dúas horas e media, tamén se trataron outros asuntos como a posible implantación dunha taxa turística, a candidatura para acoller a sede da AESIA, a construción da senda ciclista entre Milladoiro e Santiago, o parque de Bombeiros, o incremento da asignación do Estatuto da Capitalidade ou a posta en marcha do Centro de Cultura Gastronómica de Galicia.

Sobre a situación do CHUS, "falamos ampliamente", indicou Sánchez Bugallo, "non só do momento actual, senón cunha visión de futuro" co obxectivo de "dar solución aos problemas de hoxe e prever futuras ampliación, o que nos obriga a repensar o deseño de toda esa zona, condicionada polo paso do Camiño de Santiago e polo chamado Castriño de Conxo", área que conta cunha zona de protección de 70.000 metros cadrados sobre os 180.000 do SUD 9-10, polígono situado a carón do CHUS.

A este respecto, o rexedor sinalou que "estamos traballando nunha proposta que permitiría ampliar o espazo do Clínico en aproximadamente 55.000 metros cadrados, algo máis do 40% da superficie actual, e remodelar completamente os seus accesos". Apuntou Sánchez Bugallo que se trataría "dunha actuación na que Xunta e Concello temos que ir da man" e que tería que estar sustentada e motivada por razóns de interese xeral, "que o ten que acreditar a Xunta". "Isto garantiría unha vida útil para sucesivas ampliacións", recalcou.

Sobre as actuacións a acometer de xeito inmediato, o rexedor salientou que se asinará un convenio coa Xunta, "xa redactado e coa conformidade das dúas partes", no que se aborda como se van afrontar as intervencións necesarias e complementarias á ampliación que vai realizar a administración autonómica, no que se inclúen as cuestións relativas "á accesibilidade e ao aparcamento" e en virtude do cal "a Xunta non se opón a afrontar a súa participación no tema do aparcamento e o Concello non se opón a afrontar a súa participación no tema dos accesos".

Pola súa banda, o presidente da Xunta fixo fincapé en que "o convenio di que unha das obrigas da Xunta é facer un estudo das necesidades de accesibilidades, de aparcamentos e de redes viarias, polo que imos ver cales son as necesidades, cales son os custos e a partir de aí faremos contas as dúas administracións e chegaremos a un acordo". Tamén manifestou a disposición da Xunta a participar na definición do futuro da área: "facer unha previsión de crecemento cunha operación urbanística de calado e con previsión para poder ter dispoñibilidade para futuras ampliacións me parece unha proposta intelixente na que a Xunta, na parte que lle toque, participará".

AESIA

Outro dos temas tratados na xuntanza foi a candidatura de integración proposta por Santiago para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Sánchez Bugallo reiterou a "nosa oferta aberta á Coruña" xa que "se compartimos seremos máis fortes". O rexedor engadiu que aínda que a sede "formalmente ten que estar nun sitio", as bases contemplan "dous tipos de servizos: sede administrativa e outra de laboratorios e proxectos piloto e nada esixe que estean no mesmo edificio e en ningún sitio di que non poidan estar en edificios ou en municipios diferentes".

Rueda manifestouse favorable a unha proposta conxunta que "fortalecese a posición": "lamento que non se puidera chegar a un acordo, se constatamos que non é posible, e agradezo a intención do alcalde de intentar presentar unha candidatura conxunta", engadiu.

Centro de Cultura Gastronómica de Galicia

O turismo centrou parte da reunión e, dentro deste ámbito, a creación do Centro de Cultura Gastronómica de Galicia no marco do Plan municipal de Sostibilidade Turística. O presidente da Xunta amosou a súa disposición a colaborar na súa materialización, da man do Concello e do Centro Superior de Hostelería de Galicia. "Este centro tería un triple obxectivo", sinalou Sánchez Bugallo, "poñer en valor a gastronomía galega e compostelá, traer os mellores especialistas na materia, e facilitar e formación e evolución dos nosos profesionais".

No mesmo ámbito, ambos mandatarios pronunciáronse sobre a taxa turística. O presidente da Xunta solicitou ao Concello que realizase unha proposta concreta e se é razonable, a "Xunta non di que non". Tramitaríase como lei do Parlamento e aplicaríase de forma individualizada a cada concello que a propuxese.

Este estudo pormenorizado será levado polo Concello á vindeira reunión do Consello da Capitalidade, órgano recollido no Estatuto da Capitalidade que non se reúne dende 2009 e cuxa convocatoria se comprometeu a realizar o presidente da Xunta. Nesa xuntanza revisarase tamén a asignación orzamentaria a Santiago como capital de Galicia e ao Consorcio.

A respecto da situación dos taxis na cidade, o alcalde lembrou que o Concello ten encargado un estudo "sobre a estado do servizo e as liñas nas que podemos traballar" que se lle entregará á Xunta para que tome as decisións precisas. Rueda apuntou que "que queremos ir da man e facer unha proposta que redunde en beneficio dos cidadáns deste concello e das persoas que nos visitan". O presidente fixo referencia á existencia de varias posibilidades das que cómpre "estudar a viabilidade legal" con celeridade.

Senda ciclista entre o Milladoiro e Santiago

Tamén da man do Concello quere ir a Xunta na definición do trazado da senda ciclista entre o Milladoiro e Compostela. "Quedamos en ter reunións inmediatas para ver o trazado definitivo" co obxectivo de poder sacar inmediantemente a obra a licitación. "Paréceme moi importante contar coa opinión do Concello", abundou o presidente da Xunta.

Parque de Bombeiros

En palabras de Rueda, estamos "no paso definitivo para poder facelo unha realidade o ano que vén", tanto no relativo ao plantel de traballadores como á sede de Salgueiriños. O alcalde apuntou que o obxectivo é que as obras comecen o ano vindeiro sen prexuízo de que, unha vez formalizado o parque comarcal, este poida entrar en funcionamento dende as instalacións actuais mentres non estea rematada a nova ubicación.

Compartir: