TURISMO

Santiago acolle as Xornadas do Mercado Corporativo Español do Spain Convention Bureau

20/10/2022 Turismo de Santiago tamén participa na Shooting Locations Marketplace, que conta coa asistencia de 50 localizadores internacionais para produccións audiovisuais. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi dúas accións nas que participa esta semana a entidade municipal de promoción e xestión turística dirixidas a captar segmentos de turistas de alto valor engadido.

A primeira das actividades presentadas esta mañá son as Xornadas do Mercado Corporativo Español, que organiza o Spain Convention Bureau e que contan co apoio do Santiago de Compostela Convention Bureau. E a segunda é a Shooting Locations Marketplace, un proxecto de ámbito internacional dirixido a todo o sector audiovisual concebido como unha plataforma comercial para os destinos de rodaxes.

Sindo Guinarte destacou as cifras de pernoctacións en establecementos hoteleiros que está sumando a cidade neste ano, que chegaron a un millón de xaneiro a agosto, segundo os datos do INE, situándose por riba das cifras do 2019 no mesmo periodo. Pero o concelleiro, máis alá das cifras, destacou que o obxectivo de Turismo de Santiago é evolucionar o modelo turístico de Compostela cara un modelo sostible, rendible e harmónico coa vida da cidade.

O concelleiro enmarcou dentro deste obxectivo a participación de Turismo de Santiago nestas dúas accións, dirixidas a públicos cun gasto medio diario por persoa superior ao turista tradicional. En concreto destacou que o turista MICE ten un gasto medio diario superior aos 200 euros diarios, polo que se trata dun tipo de turista con gran potencial para a cidade.

Nas Xornadas do Mercado Corporativo Español, que Santiago acolle de venres a domingo, a proposta do Spain Convention Bureau, participan 12 persoas responsables directas da xestión de viaxes corporativos de grandes empresas multinacionais, que contan con milleiros de empregados e que organizan múltiples eventos das súas corporacións cada ano. O obxectivo é coñecer e estreitar lazos coas persoas responsables da contratación de viaxes corporativos destas grandes multinancionais para posicionar a Santiago como un destino de calidade neste segmento de mercado.

Pola súa banda, a Shooting Locations Marketplace celébrase hoxe e mañá en Valladolid. Conta coa participación de arredor de 50 localizadores profesionais de sete países que teñen traballado xunto a nomes como Steven Spielberg, George Clooney, Olivia Wilde Tamén contan con traballos de localización para Estudos e Plataformas como Universal, Marvel, HBO, Disney, Apple, Amazon e Netflix.

Compartir: