DEPORTES

Arrinca a IX edición do Circuíto de Carreiras Saudables "CorreSan" coa proba nocturna polas rúas do casco histórico

19/10/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou a novena edición do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan, organizado pola Federación Galega de Atletismo co apoio do Concello de Santiago. O programa consta novamente de catro probas, comezando pola nocturna que se celebrará o sábado 5 de novembro polas rúas do casco histórico. A inscrición para a primeira proba, aberta a atletas de todas as idades, poderá facerse ata o 2 de novembro.

Esther Pedrosa destacou o compoñente saudable deste circuíto de probas, aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos diferentes contornos da cidade. Novamente haberá distancias adaptadas para todas as idades, polo que fixo un chamamento á participación da veciñanza de Compostela.

Tamén coincidiu neste chamamento o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen foi o encargado de detallar o calendario de carreiras desta edición. O CorreSan arrincará o sábado 5 de novembro coa tradicional proba nocturna polas rúas do casco histórico, cunha distancia de 5,5 quilómetros para as categorías adultas.

O calendario seguirá o 21 de xaneiro coa Ruta da Prata-Angrois (5,2 km), o 18 de febreiro coa Ruta dos Parques (5,7 km) e o 18 de marzo coa Ruta do barrio de San Pedro. Esta VIII edición do CorreSan pecharase o 7 de decembro cunha proba que repite tras o éxito do ano anterior, a do barrio de San Pedro, de 5 quilómetros para os adultos.

A inscrición no Circuíto de Carreiras Saudables xa está aberta a través da web de Carreiras Galegas.

Compartir: