CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro sociocultural de Conxo celebra o venres e o sábado unha nova edición das Xornadas Micolóxicas

18/10/2022 Un outono máis o mundo dos cogomelos chega ao Centro Sociocultural de Conxo coa celebración das Xornadas Micolóxicas que este ano se celebrarán o venres 21 e o sábado 22 de outubro. O programa oferta dúas conferencias, a tradicional ruta para a recollida de cogomelos e un paseo micolóxico polo Banquete de Conxo.

As xornadas foron presentadas esta mañá no Pazo de Raxoi polo concelleiro de Centros SocioCulturais, Javier Fernández, acompañado por Enrique Vázquez, director da Rede de CSC e de Jose María Costa Lago a Asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo.

Nesta edición, terá lugar unha conferencia o propio venres e, xa o sábado, unha ruta micolóxica pola Selva Negra e a Granxa do Xesto na mañá e, pola tarde, un paseo guiado polo Banquete de Conxo. Hai límite de prazas, polo que é preciso inscribirse previamente tanto para a ruta como para o paseo micolóxico no 981 528740 ou por correo electrónico a csconxo@santiagodecompostela.gal.

As xornadas complétanse coa montaxe dunha pequena exposición de cogomelos que poderá visitarse no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre.

Hai xa anos que o CSC de Conxo iniciou as súas Xornadas Micolóxicas xunto cuns afeccionados e micólogos próximos ao barrio. Durante estas edicións constatouse o crecente interese pola micoloxía, polo que o CSC quere seguir informando sobre a función que os fungos cumpren na natureza para a súa posta en valor.

Programa

VENRES 21

20.15 h
Conferencia: achegamento ao xénero Boletus, por José Manuel Castro Marcote, Presidente da Asociacion Micolóxico-naturalista Pan de Raposo.

SÁBADO 22

9.30 h
Ruta Micolóxica á Selva Negra/Granxa do Xesto, con saída desde o Centro Sociocultural de Conxo.

17.00 h
Paseo Micolóxico polo Banquete de Conxo

19.30 h
Charla-Cogomelos do paseo do Banquete de Conxo con Jose María Costa Lago da Asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo.

Compartir: