PLENO

O Pleno extraordinario aproba a conta xeral do Concello de Santiago do ano 2021

13/10/2022 O Pleno do Concello de Santiago, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, someteu a consideración a conta xeral do Concello de Santiago correspondente ao ano 2021, para a súa aprobación e posterior remisión ao Consello de Contas. Esta conta está integrada pola conta da entidade matriz e as contas do Organismo Autónomo Auditorio de Galicia, das sociedades mercantís TUSSA, INCOLSA e MercaGalicia, e as contas das Fundacións Públicas Refuxio de Animais e Eugenio Granell.

O expediente aprobado, cos votos a favor do Grupo Socialista e as abstencións do Grupo Popular, Compostela Aberta e BNG, recolle, segundo sinalou a concelleira de Facenda, Marta Abal, un gasto en axudas públicas de 18,5 millóns de euros, incrementándose nun 21,82 % respecto do ano 2020, mais dun 38% respecto dos anos 2018 e 2019 e un 57,26% respecto do ano 2017. A liquidación do orzamento de 2021 arroxa un un superávit ficticio debido a que o peche en real se fixo o 30 de decembro dese ano. Polo tanto, "o superávit real é de 7,2 millóns de euros, cantidade da que se dispuxo no marco da negociación da distribución dos remanentes".

Tamén se identifica un incremento das achegas procedentes do Estado, e do fondo complementario de financiamento. A recadación neta derivada do ingreso da capitalidade destinada a financiar os gastos correntes que ten o Concello de Santiago por ser capital de Galicia, mantense.

Contratación

O importe dos contratos maiores adxudicados ascendeu a 33.284.610,66 euros. Ademais, no ano 2021, licitáronse un total de 68 contratos: un 36 % máis que no ano 2020 e un 44,68% máis que no ano 2018. O valor estimado dos contratos licitados durante o ano 2021 ascendeu a 121.400.957,85 euros, un 11,93% mais que no ano 2020.

En canto ás obras, licitáronse 35 cun valor estimado de 8.328.965,09 euros. En termos comparativos licitáronse un 75% máis de obras respecto do 2020, pasando de 20 a 35; e un 35,02 % en termos de valor estimado, pasando de 6.168.846,12 á antedita cifra de 8,3 millóns de euros.

En canto aos servizos, licitáronse 18 por un valor estimado de 107.402.791,62 euros, un 128,15 % máis respecto do ano 2020, no que o importe do valor estimado desta tipoloxía de contratos foi por algo máis de 47 millóns de euros. Tamén se licitaron sete contratos de subministros, por un importe estimado de 705.726,83 euros, un 0,97% máis respecto do ano 2020; e outros 6 contratos mixtos, cun valor estimado de 2.266.422,87 euros.

Compartir: