MEDIO AMBIENTE

Santiago acollerá a primeira reunión do proxecto europeo BIORECER

11/10/2022 Esta iniciativa, liberada por Cetaqua Galicia, centro tecnolóxico da empresa Viaqua, busca promover o uso de biomasas para mellorar o rendemento e a trazabilidade das materias primas biolóxicas utilizadas polas bioindustrias. O proxecto, que conta con socios nacionais e estranxeiros, celebrará a súa primeira reunión os vindeiros 17 e 18 de outubro no Pazo de Fonseca e no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago (USC).

Esta xornada técnica reunirá en Santiago máis de 40 persoas, procedentes de 7 países europeos, que serán recibidas polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o director de Viaqua, Marcos Martín, e por un representante do rectorado da USC. Nestre primeiro encontro presentaranse os diferentes casos de estudo que cubre o proxecto e se concretará o enfoque técnico e os requisitos que deberán cumprirse para alcanzar os obxectivos definidos.

O proxecto BIORECER "BIological Resources CERtifications schemes", financiado polo programa marco Horizonte Europa da Comisión Europea, ten como obxectivo garantir o correcto desempeño ambiental e a rastrexabilidade das materias primas biolóxicas ou biomasas utilizadas pola industria de base biolóxica, mediante o establecemento de directrices que permitan reforzar os actuais sistemas de certificación. BIORECER está liderado por Cetaqua Galicia, o Centro Tecnolóxico de Viaqua, concesionaria do Concello de Santiago para xestión da auga.

Galicia, protagonista do caso de estudo español

Este proxecto, centrará a súa investigación en catro casos de estudo: España, Italia, Grecia e Suecia. No caso de estudo español, centrado en Galicia, BIORECER contará cun enfoque multiactor para probar o seu marco con diferentes materias primas biolóxicas, como subprodutos e augas residuais de industrias conserveiras, algas e lodos de depuradora. Do mesmo xeito, considerarán distintas cadeas de valor a nivel rexional.

Cetaqua Galicia continúa firme no seu obxectivo de converterse nun centro tecnolóxico de referencia a nivel internacional en materia de medio ambiente e auga. A consecución deste proxecto europeo, o primeiro que coordina neste programa marco Horizon Europe, permitirá posicionar Galicia como rexión á cabeza da sustentabilidade para poder facer fronte a unha transición ecolóxica e dixital e cumprir cos obxectivos de lograr unha Europa climaticamente neutra para 2050.

Baixo o liderado de Cetaqua Galicia, o consorcio está conformado por Easy Global Market SAS (Francia); MEXO Carbon Solutions GmbH e nova-Institut für politische und ökologische Innovation GmbH (Alemaña); Ethniko Kentro Erevnas Kai Technologikis Anaptyxis (Grecia); Associazione Cittadinanzattiva Onlus, Cap Holding, UNI - Ente Italiano dei Normazione, Universita Politecnica delle Marche, Spring Sustainable Processes and Resources for Innovation and National Growth e Universita degli Studi dei Roma Unitelma Sapienza (Italia); a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos - Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca, Betania Legio SL, a Universidade de Santiago de Compostela (España); Rise Processum AB (Suecia) e a Brunel University London (Reino Unido).

Compartir: