XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a solicitude de subvención ao Ministerio de Transportes por 5,5 millóns de euros que financiarían a rehabilitación de 442 vivendas

10/10/2022 A Xunta de Goberno Local, reunida hoxe, deu luz verde á solicitude de participación no "Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio" do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cunha cantidade a subvencionar de 5.551.978,07 euros a través dos fondos NextGenerationEU. Tamén aprobou o gasto do convenio de colaboración para 2022 entre o Concello de Santiago e Cruz Vermella, pola contía de 85.000 euros, que se destinarán aos programas de "Atención a persoas sen fogar" e "Teleasistencia a domicilio".

A proposta de solicitude de subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, destinada fundamentalmente a melloras de eficiencia enerxética, contempla a rehabilitación de 442 vivendas. No ano 2023, serían un total de 84 vivendas pertencentes as distintas ARIS que hai na actualidade, que se integrarían todas nun único ámbito de actuación denominado Contornas Residencias de Rehabilitación Programada (ERRP). En 2024, o ámbito de actuación ampliariase a outros conxuntos de vivendas de protección oficial construidas durante o franquismo, cunha estimación de 169 vivendas a rehabilitar, as mesmas que en 2025.

O orzamentos total previsto para este programa de rehabilitación e de mellora da eficiencia enerxética é de 9.007.948,31 euros. A solicitude de subvención con cargo a fondos europeos sería de 5.551.978,07 euros. O concello aportaría 426.449,03 euros, que corresponden aos gastos de persoal, e o resto correría a cargo de promotores privados, xa que son os propietarios da vivenda os que teñen que realizar as obras e solicitar esa subvención, que se xestionaría a través da oficina de rehabilitación do Concello de Santiago.

O "Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio", ten por obxecto financiar a realización conxunta de obras de rehabilitación en edificios de uso predominante residencial e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares, e de urbanización o reurbanización de espazos públicos dentro de ámbitos de actuación denominados Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) previamente delimitados.

Poden participar neste programa os concellos que teñen algunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) declarada no seu termo municipal. No caso de ter varias ARI declaradas deberán presentar unha solicitude para cada unha das áreas que queiran incorporar a este programa como ERRP, salvo que queiran agrupar máis dun ARI nunha mesma ERRP.

Convenio con Cruz Vermella

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o gasto do convenio de colaboración para este ano con Cruz Vermella, polo que o Concello de Santiago achega 85.000 euros para a financiación dos programas de "Teleasistencia a domicilio" e "Atención a persoas sen fogar".

O servizo de teleasistencia é un servizo técnico, de natureza social que relaciona as persoas usuarias con sistemas de atención de emerxencias, mobilizando os recursos comunitarios existentes no su ámbito. É de balde e ofrécese a través de dúas modalidades: teleasistencia domiciliaria, que consta dun terminal e un pulsador que se conecta dende calquera estancia do domicilio na que se atope a persoa usuaria co persoal profesional as 24 horas do día, os 365 días do ano, facilitando unha resposta e intervención inmediata ante calquera necesidade; e teleasistencia GSM, coa mesma funcionalidade que o anterior, pero coa diferenza de que leva incorporada unha tarxeta SIM, motivo polo que non precisa ir conectado á liña telefónica fixa.

O programa de "Atención a persoas sen fogar" ten como obxectivo xeral o fortalecemento dun equipo especializado na intervención con persoas en situación de senfogarismo, que a través de visitas e seguimentos xere un espazo de confianza entre persoas usuarias e institucións capaz de identificar e abordar problemáticas severas, e a partir delas, acompañar ás persoas durante o seu proceso de inclusión.

Outros acordos

O executivo municipal tamén deu o visto bó a licitación do expediente denominado "Obras de execución do proxecto básico de acondicionamento interior do Salón de Plenos do Concello de Santiago de Compostela", que conta cun orzamento máximo de licitación de 94.323,26 euros, IVE engadido.

Aprobouse, ademais, a solicitude á Deputación Provincial da Coruña das subvencións nominativas correspondentes o ano 2022 para as actividades dos centros socioculturais de ámbito rural por un importe de 90.000 euros; e a solicitude de subención para gastos de persoal e sostemento do Centro Sociocultural do Ensanche por un importe de 158.141,31 euros.

Por outra banda, tomouse coñecemento da sinatura do convenio de colaboración, por un importe de 30.000 euros, formalizado pola Consellería de Cultura, o Concello de Santiago e a Asociación Compostelana de Amigos do Ferrocarril-ACAF que ten por obxecto financiar a rehabilitación do coche de viaxeiros denominado "Verderón".

Compartir: