DEPORTES

O Concello renovará dúas pistas de tenis municipais na rúa Rodríguez de Viguri

10/10/2022 A concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, presentou esta mañá en rolda de prensa o proxecto de renovación das pistas de tenis municipais da rúa Rodríguez de Viguri, que estará dividido en dúas fases, e no que o Concello investirá un total de 96.538,78 euros.

A edil de Deportes explicou que a primeira fase deste proxecto contará cun orzamento de 48.190,10 euros, co que se intervirá sobre o pavimento das pistas 1 e 2. E na segunda fase, levaranse a cabo actuacións de pechamento e iluminación, por un importe estimado de 48.348,68 euros.

O obxecto das obras desta primeira fase é mellorar o actual firme das pistas 1 e 2, que se atopa en moi mal estado. As actuacións que se contemplan son: a demolición da soleira existente, a adecuación da base e a colocación dun novo firme composto por pavimento poroso de formigón con maior capacidade drenante e mellor resistencia ao escorregamento e á compresión. Tamén se colocarán as barras de suxeición e a rede de tenis.

O prazo de execución desta primeira fase estímase en 30 días, e conta cun prazo de garantía dun ano.

Segunda fase

Esther Pedrosa explicou que "nunha segunda fase substituiremos o actual peche, xa que o actual, de mallas de simple torsión, atópase en moi mal estado". Tamén se cambiará o sistema de iluminación por luminarias LED, e se substituirán os báculos.

A remodelación que se vai realizar nesta segunda fase tamén contempla a demolición da soleira perimetral e a construción dunha nova coas mesmas características que as pistas de tenis; e dicir, co pavimento continuo poroso de formigón, de baixo contido en finos.

O prazo de execución desta segunda fase tamén se estima en 30 días, e conta cun prazo de garantía dun ano.

Compartir: