ACCIÓN CULTURAL

O Festival Curtocircuíto anuncia os filmes gañadores da súa 19 edición

10/10/2022 O Curtocircuíto pechou onte a súa 19ª edición co anuncio do palmarés, tras 9 días de festival nos que Compostela recibiu a máis de 100 convidados e convidadas vinculadas ao cinema de autor, as artes sonoras e visuais. Ao acto de clausura asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; varios membros da corporación municipal; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o director do festival, Pela del Álamo.

Tralas deliberacións oportunas, os diferentes xurados decidiron outorgar os seguintes premios:

O Xurado Radar, composto por Jaqui Davies, Ane Rodríguez e Marta Ponsa concedeulle o Premio Radar ao mellor filme da sección a Love & Revenge, de Anhar Salem.

O Xurado Explora, composto por Becca Voelcker, Andrew Norman Wilson e Ben Rivers, concluíu que o Premio Explora ao mellor filme da sección é para Laika, de Deborah Stratman.

O xurado de Planeta GZ, composto por Clara Roquet, Helena Salgueiro e Miren Iza, concluíu que o Premio Galiza ó mellor filme galego é para Memory, de Nerea Barros. O xurado concedeulle unha mención especial a Elefante, de Alberte Pagán.

O xurado de Penínsulas composto por Clara Roquet, Helena Salgueiro e Miren Iza, concluíu que o Premio Penínsulas á mellor película da sección, patrocinado por RC Service, é para Diez minutos hasta la medianoche, de Mario Sanz. O xurado concédelle tamén unha mención especial a Femer, de Ana Pfaff e Jaume Coscollar.

O Xurado Novo, composto por Berto S. Lozano, Maru Astray, Saya Mohamed, Héctor Iglesias e Nico Iglesias, decidiu outorgar o Premio do Xurado Novo á mellor curtametraxe a Subtotals, de Mohammadreza Farzad da sección Radar. O xurado, concedeulle a mención especial a Camera Test, de Siegfried A. Fruhauf da sección Explora.

O Xurado CREA, composto por Daniel Viqueira, Ozo Perozo, Irene Pin concedeulle o Premio CREA á Mellor dirección galega a Nerea Barros por Memory.

O Premio do Público, patrocinado por Gadis, foi para Hideous, de Yann González da sección Radar.

Por último, o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Santiago Turismo e Santiago de Compostela Film Commission, é para Ollada noutra Compostela, de Nerea Losada, Eira Losada, Sabela Vilas, Diana Iglesias.

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e o ICAA.

Compartir: