TURISMO

Apróbase o Plan Estratéxico da Asociación de Municipios do Camiño, da que forma parte o Concello de Santiago

07/10/2022 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais, Turismo e delegado do Ano Santo, Sindo Guinarte, asistiu hoxe na localidade leonesa de Sahagún á reunión da comisión executiva da Asociación de de Municipios do Camiño de Santiago na que se espuxo, debateu e se aprobou o Plan Estratéxico da AMCS, presentado pola nova secretaría técnica que desempeña a Fundación Santa María La Real.

Entre as prioridades dese plan está aumentar a visiblidade da asociación, aumentar a cooperación entre os municipios da ruta xacobea, incrementar os recursos da entidade e realizar actividades no ámbito medioambiental do Camiño de Santiago. Debateuse, ademais, sobre a axenda de traballo e o plan de comunicación derivado deste documento estratéxico.

Tamén se abordou a reforma dos estatutos da asociación. Para elo constituiuse unha comisión de traballo, da que formará parte o propio Sindo Guinarte. Debateuse ademais, sobre a posibilidade de constituir unha agrupación de cooperación territorial europea con ACIR Compostelle, a Federación Francesa de Asociacións dos Camiños de Santiago. Informouse, a maiores, dos proxectos que se están realizando e acordouse que o 4 de novembro terá lugar en Santiago, unha reunión do Comité Científico da asociación, e os días 5 e 6 levarase a cabo un encontro de alcaldes e alcaldesas da entidade, que participarán nunha ofrenda na Catedrale que segundo está previsto, serán recibidos polo rexedor compostelá, Xosé Sánchez Bugallo.

Por outra banda, o presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Enrique Maya Miranda, e o seu homólogo na Federación Española de Amigos do Camiño de Santiago, Jorge Martínez-Cava Carrasco, asinaron un acordo que servirá de base a futuras accións de colaboración, centradas na organización de eventos culturais, así como o intercambio de experiencias e información en torno á ruta xacobea. Ámbalas dúas institucións traballan xa na promoción e difusión do Camiño como lugar de peregrinación e eixo vertebrador de desenvolvemento sustentable.

A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) é unha entidade sen ánimo de lucro integrada por municipios do Camiño Francés, que se asociaron para contribuír á xestión desta ruta xacobea. Foi en 2015, en Burgos, cando tivo lugar o acto de fundacion. Xa antes, en 2011, asinárase un protocolo para a constitución dun Observatorio Xacobeo, na cidade de Xaca, en Huesca. A este protocolo adheríronse os concellos de Xaca, Logroño, Burgos, Astorga e Santiago de Compostela; e supuxo o xerme do que, máis adiante, adopta a identidade xurídica de Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. Neste momento, a entidade integra a 109 municipios, e no seu conxunto, constitúe un modelo de cooperación, de solidariedade entre concellos e de respecto á diversidade: valores que fundamentan á propia ruta Xacobea.

Compartir: