POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Comeza a VI edición do certame "Enreguéifate"

07/10/2022 O Enreguéifate 2022-2023, no que colabora o Concello de Santiago, desenvolverase desde outubro ata abril. Entre as actividades previstas: obradoiros de formación para o alumnado e o profesorado, un certame regueifeiro e un encontro de regueifa.

Este mediodía presentouse a sexta edición do certame Enreguéifate, un proxecto conxunto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, que busca difundir a improvisación oral en verso e contribuír á promoción do uso da lingua galega.

O alumnado volverá ser o obxectivo prioritario deste certame que se dirixe tamén ao conxunto da cidadanía. Nesa liña, o proxecto dará comezo cunha actividade formativa para o profesorado, que se desenvolverá o próximo venres 14 de outubro, en horario de tarde, no Espazo Apego de Santiago de Compostela. Un obradoiro para o que xa pechou o prazo de inscrición, con preto de 30 participantes, e que estará impartido polos regueifeiros e formadores Séchu Sende, Manolo Maseda, Lupe Blanco e O Rabelo. Nel, as persoas participantes afondarán no movemento social e educativo da improvisación oral en verso e aprenderán a traballar a regueifa na aula coa perspectiva cultural do século XXI.

Tamén neste mes de outubro darán comezo os obradoiros de improvisación oral para o alumnado. Vanse desenvolver ata decembro nos centros de ensino dos cinco concellos impulsores do proxecto. Uns obradoiros que teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa.

A outra gran acción do Enreguéifate 2022-2023 é o certame regueifeiro aberto ao conxunto da cidadanía galega. Un concurso que ten como obxectivo que estudantes e público en xeral se apunten á práctica da arte da improvisación oral en verso, coa regueifa en lingua galega. O prazo de inscrición para participar no certame estará aberto dende o 10 de novembro deste ano ata o 10 de marzo de 2023, e poderá facerse a través da páxina web do certame, onde están xa dispoñibles as bases.

Nesta sexta edición volverá haber dúas categorías no concurso: xeral e escolar, con seis premios en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

Gala conxunta do Enreguéifate e Regueifesta

Os premiados coñeceranse a finais de marzo e recibirán o galardón na gala final, prevista para o venres 14 de abril no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Un acto que suporá un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta, e contará coa participación de alumnado de centros educativos de Euskadi e Cataluña, ademais de escolares galegos.

A presentación desta sexta edición do Enreguéifate, que tivo lugar en Ames, contou ademais cunha demostración práctica a cargo de Séchu Sende e da tamén formadora e regueifeira Nuria Penas. Botando man da improvisación oral en verso, fixeron un chamamento a participar nun certame que conta no seu haber co Premio Mil Primaveras, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola súa contribución á difusión da lingua galega.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: