EDUCACIÓN

O alcalde visita o CEIP Ramón Cabanillas para coñecer de primeira man as demandas que unha alumna lle trasladou por carta

07/10/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Parques e Xardíns, Mila Castro, acudiron esta mañá ao CEIP Ramón Cabanillas para comprobar in situ as demandas dirixidas ao rexedor por unha alumna de quinto de primaria nunha carta manuscrita na que solicitaba unha serie de arranxos na contorna do seu colexio.

Na misiva, enviada ao Concello por correo postal, a rapaza sinalaba unha serie de problemas nos arredores do centro relacionadas coa limpeza das pistas e os espazos comúns e demandaba ao alcalde a súa cooperación.

Na visita desta mañá ao CEIP Ramón Cabanillas, Lara Oviedo explicou de viva voz as súas demandas ao alcalde e á concelleira e, a continuación, guiounos ata os lugares nos que pasan o seu tempo de lecer e que queren ver arranxados. Entre as peticións, a de sacar uns cravos que alguén colocou nun camelio, escenario de xogos da rapazada. O rexedor comprometeuse coa pequena e co resto dos seus compañeiros a manter as zonas de xogos limpas e a arranxar o camelio.

Compartir: