FESTAS

O Concello colabora coa Xunta de Confrarías para promocionar a Semana Santa de Santiago

06/10/2022 O Concello de Santiago e a Xunta de Confrarías de Semana Santa de Santiago asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá sufragar as actividades e promoción levadas a cabo durante a Semana Santa de 2022. Ao acto de sinatura, que se celebrou esta mañá no pazo de Raxoi, acudiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente da Xunta de Confrarías, José Ramón Muñiz Ramos.

O acordo contempla unha subvención por parte do Concello de 3.000 euros para financiar as actividades de publicidade e promoción desenvolvidas pola Xunta de Confrarías de Semana Santa que contribúen á difusión da Semana Santa de Santiago como manifestación cultural e popular de gran atractivo turístico na cidade.

O alcalde Xosé Sánchez Bugallo reiterou o seu apoio total ao labor desenvolvido pola Xunta de Confrarías e agradeceulle "o seu esforzo e a súa aposta pola recuperación da Semana Santa de Santiago que comezou nos anos 90 tras o seu declive nos anos 70".

Con esta sinatura, tanto o Concello de Santiago como a Xunta de Confrarías da cidade, reiteran o seu interese común por garantir a realización de actos e actividades durante este período, que tamén contribúen á promoción turística da Semana Santa de Santiago de Compostela, que conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2017. Tamén se está a realizar un traballo conxunto que se está levando a cabo para lograr o recoñecemento da Semana Santa santiaguesa como Festa de Interese Turística Nacional.

Compartir: