ACCIÓN CULTURAL

A Escola de Música de aCentral Folque arranca un novo curso con actividades para todos os públicos

06/10/2022 O xoves 6 de outubro comeza un novo curso regular da Escola de Música d’aCentral Folque, que xa leva 22 anos de ensino en músicas populares galegas. Haberá aulas para todos os públicos e inquietudes en especialidades coma baile, zanfona, violín, gaita, canto, frautas, percusións, solfexo, análise musical de cancións tradicionais…A partir de xaneiro do 2023 haberá unha morea de cursos monográficos especiais que foron presentados en rolda pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e polo coordinador do centro, Mauro Sanín.

Arranca o novo curso da Escola de Música d’aCentral Folque, cun programa de formación en diferentes centros socioculturais da cidade, dirixida a todas as persoas interesadas en aprender e saber de música galega. O programa oferta actividades para todos os públicos e todas as inquietudes en diversas especialidades e en aulas individuais ou colectivas. Esta iniciativa recibe máis un ano o apoio do Concello de Santiago por medio da Concellaría de Cultura.

Mercedes Rosón agradeceu o labor que está a desempeñar a Escola na formación musical dos composteláns e compostelás e alabou a calidade tanto da oferta como do profesorado. "Fai 22 anos que comezaron esta aventura, tan necesaria para pór en valor, dinfundir, e formar a varias xeracións nese legado cultural, nese patrimonio inmaterial tan rico que nos distingue como pobo e como cultura. Moitos parabéns por esta fructífera traxectoria", recalcou. "Desde o Concello de Santiago levamos moitos anos apoiando este labor de estudo, divulgacion e promoción da música popular galega, con ese enfoque, convén recordalo, aberto e contemporáneo".

As aulas comezarán a partir do 8 de outubro até mediados de xuño nas áreas de Canto e Pandeireta, Sanfona, Violino, Requinta, Gaita, Percusión, Baile e Análise de Cancións Tradicionais ademais dunha chea de monográficos especializados que se irán anunciando ao longo do ano académico. Inminenetemente hai proxectados o vindeiro 29 de outubro un curso de Regraxe e Mantemento de Zanfona e outro o 12 de novembro sobre a Pandeira no Courel con Felisa Segade.

aCentral Folque

aCentral Folque leva máis de vinte anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas desde que abriu as súas portas no curso 2000-01, daquela o chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo até o ano 2008 cando trasladou a súa sede até Santiago de Compostela. Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención a músicos de toda Galicia que podían atender a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a zanfona ou o acordeón diatónico.

Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, aCentral Folque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega.

As aulas da Escola de Música d’aCentral Folque están pensadas para todo tipo de persoas, con total independencia dos seus coñecementos musicais previos e teñan ou non unha aspiración profesional no ámbito da música. A súa finalidade é dotar ó alumnado das destrezas necesarias no desenvolvemento do seu instrumento. Os profesores aportan a súa experiencia como profesionais no ámbito da música popular galega para facerlla chegar ó alumnado. Existen aulas individuais e aulas colectivas, que se desenvolverán de xeito presencial agás nos casos referidos.

Direccións relacionadas



Compartir: