SEGURIDADE CIDADÁ

A concellería de Seguridade Cidadá e a Policía Local poñen en marcha un ciclo de charlas sobre lecer nocturno para a mocidade compostelá

06/10/2022 Estas charlas didácticas xurden como resposta ao incremento de condutas incívicas asociadas directa e indirectamente ao lecer nocturno que a Policía Local vén detectando nos últimos meses. Esta actividade están deseñada especificamente para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 17 anos que están a ter o seu primeiro contacto co lecer nocturno.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e o policía local Martín Camba, presentaron esta mañá esta iniciativa coa que se pretende que a mocidade tome conciencia das consecuencias de certas actitudes ou condutas incivícas, como as molestias á cidadanía ou o sobreesforzo dos servizos de limpeza. Tamén se informará á mocidade das prohibicións vixentes e das infraccións e sancións que derivan do seu incumprimento.

O concelleiro Gonzalo Muíños explicou que xa se fixo un ensaio o ano pasado e "a acollida foi moi boa xa que se lle resolveron moitas dúbidas aos mozos e mozas". "O noso obxectivo é que esta formación deixe un pouso no alumnado para que poidan desfrutar do ocio sen producir ningún tipo de incidencias", engadiu o edil.

Para acadar isto, planificáronse unha serie de charlas nos Centros de Ensinanza Secundaria do Concello dirixidas especificamente ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Ademáis de falar sobre a normativa, as infraccións e os riscos existentes no que a lecer nocturno se refire, facendo fincapé nas condutas incívicas reguladas polas Ordenanzas do Concello (Ordenanzas de Convivencia e Ruidos), así como a Lei de Prevención de Consumo de bebidas alcohólicas (Lei 1172010). A idea é dirixirse á grupos reducidos para fomentar o debate.

O ciclo arrancará o 13 de outubro no IES Antón Fraguas e seguirá no IES Rosalía de Castro, o Colexio de Cluny e o IES Xelmírez I, ao que se irán engadindo novos centros para recibir esta formación que se desenvolverá ata o mes de decembro. Nun futuro tamén se prevé programar charlas nos Centros SocioCulturais dirixidas principalmente aos pais.

Compartir: