ALCALDÍA

O Concello homenaxea ao veterinario Juan Rof Codina polo Día da Ciencia

06/10/2022 O parque das Ciencias acolleu esta mañá un acto de homenaxe ao impulsor da veterinaria en Galicia e España, Juan Rof Codina, co gallo do Día da Ciencia. Ao evento, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en colaboración co Concello de Santiago, asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da RAGC, José Manuel Lema Rodicio; membros da Corporación municipal e familiares do homenaxeado.

Co gallo do Día da Ciencia, o Concello de Santiago celebrou esta mañá un acto para a colocación dunha placa de recordo e homenaxe a Rof Codina nun dos bancos do parque das Ciencias, sito na rúa de Ramón de Valle-Inclán. Esta placa súmase a outras catorce que homenaxean a outros científicos galegos.

A Academia decidiu nomear a Juan Rof Codina, como "Científico Galego do Ano" por ser o impulsor da veterinaria en Galicia e España. A RAGC valorou a súa contribución á modernización do sector agropecuario galego e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros da nosa comunidade.

Esta tarde terá lugar no Salón Nobre de Fonseca o acto central en honor ao homenaxeado no que Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, impartirá unha conferencia en torno á súa figura. O Consello da Cultura Galega presentou tamén esta mañá unha publicación de autoría colectiva sobre Rof Codina.

Juan Rof Codina

Nado en 1874 no Prat de Llobregat (Barcelona), Rof Codina foi destinado a Lugo no ano 1898 como tenente veterinario militar, cidade onde nace o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. A partir de entón traballou a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando en dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.

Compartir: