ACCIÓN CULTURAL

O Concello homenaxea a Xohana Torres cunha escultura inspirada nos seus versos

04/10/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e as concelleiras de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Medio Ambiente, Mila Castro, asistiron esta tarde no parque do Cancelón de Sar á inauguración da escultura en homenaxe á escritora compostelá Xohana Torres. A peza, obra da artista María Xosé Díaz, pretende recoñecer o seu papel fundamental na poesía galega da posguerra así como o seu compromiso coa lingua e literatura galega, especialmente durante os anos dos franquismo.

A peza escultórica foi inaugurada esta tarde na zona verde do parque do Cancelón, a carón do IES de Sar, entre as rúas Cancelón de Sar e Bernardo Barreiro de Vázquez Varela. Ademais do alcalde e a concelleiras Mercedes Rosón e Mila Castro, tamén participaron a autora da obra, María Xosé Díaz, membros da Corporación municipal compostelá e un grupo de alumnas do IES de Sar.

Na súa intervención, Mercedes Rosón, recordou a figura de Xohana Torres "como a poeta que falou de nós e do que queremos ser" e reiterou o compromiso e o esforzo municipal "para facer que as mulleres ocupen o espazo público".

O alcalde tamén recordou a Xohana Torres como "unha muller que non se resignou ao seu tempo nin ás súas circunstancias" cun enorme compromiso "coa cultura e a literatura, pero tamén co feminismo e a igualdade".

A escultura, inspirada na obra da escritora, está integrada por versos do seu poema ‘Penélope’, que forma parte da publicación "Tempo de ría" do 1992. A peza, que ocupa unha superficie de 9,60 m2, está asentada sobre unha base circular pintada en azul cobalto de 3,5 m de diámetro e cun espesor de 15 cm. Nun cadrado de formigón adosado contén unha placa, na que ademais dos datos da obra e a autora, poder lerse a reprodución do poema que inspira a peza.

Xoana Torres
Nada en 1929 en Santiago, cidade na que estudiou Filosofía e Letras e comezou a súa carreira literaria, Xohana foi unha das voces máis xenuinas e singulares da poesía galega de posguerra. Poeta, narradora e dramaturga, é unha referencia obrigada na historia da literatura galega da segunda metade do século XX e forma parte das xeracións que, comprometidas coa lingua nos difíciles anos da ditadura franquista, contribuíron á normalización da literatura galega tocando todos os xéneros.

Autora de 13 obras, a maior parte de xénero poético, ingresou na Real Academia Galega no ano 2001 e recibiu, entre outros, os premios Pedrón de Ouro (1972), Premio da Crítica (1981), Medalla Castelao (1996) e Premio da Cultura Galega das letras no ano 2017.

María Xosé Díaz
Nada en Catoira, en 1949, estudou Belas Artes en Barcelona. De formación pictórica pero cun forte interese polo volume e o espazo. Gústalle explorar as calidades dos materiais: expresividade, resistencia, posibilidades combinatorias... A través da manipulación e mestura dos materiais, harmonízaos en estruturas xeométricas, ás veces estáticas, e ás veces móbiles.

A súa obra nace da observación: luz, espazo, movemento, crecemento e transformación, serialización...como elemento evocadores da paisaxe. Leva feitas máis de 20 exposicións individuais desde 1980 e máis de 30 colectivas. Ten obra nas coleccións do Museo de Cerámica de Barcelona, Xunta de Galicia, Teatro Principal (Concello de Santiago de Compostela), Consorcio da Cidade de Santiago,Auditorio de Galicia. Colección Argentaria, Colección Caixa Galicia, Concello do Barco de Valdeorras, Caixa Vigo e Editorial Hércules.

Compartir: