PLENO

O Pleno aproba a modificación puntual do PXOM no ámbito da estrada Vigo-Chouchiños

29/09/2022 O Pleno do Concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista e polo funcionario municipal José Manuel Carpinteiro, aprobou por unanimidade de todos os grupos municipais a modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10, estrada de Vigo-Chouchiños. Tamén se deu luz verde ao estudo de detalle da parcela B4b01c do parque empresarial da Sionlla.

O Pleno ordinario do Concello de Santiago do mes de setembro deu luz verde á aprobación provisional da modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10 (Estrada de Vigo-Chouchiños) así como á aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela B4b01c do parque empresarial da Sionlla.

A modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10 lévase a cabo para dar cumprimento á sentenza número 274/2014, que impón a categorización de dúas parcelas catastrais como solo urbano consolidado e, en consecuencia, obriga a excluílas do sector de solo urbanizable SUD 9-10, alterando así a delimitación do solo urbano e urbanizable establecida no PXOM. Tamén contempla a delimitación do Camiño Portugués aprobada polo Decreto 154/2013 da Xunta de Galicia, no tramo en que pasa polo ámbito do SUND 9-10. Nesta zona é onde vaise levar a cabo a ampliación do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o CHUS.

O Pleno municipal tamén aprobou de maneira definitiva o "Estudo de detalle dos quinteiros 1 e 2 do Plan Parcial do SUP 1 de Romero Donallo", no que se establecen os parámetros de edificabilidade, altura máxima e ocupación establecidos no propio plan parcial. Substitúense, ademais, as dúas torres exentas previstas no quinteiro 1, por unha peza que se dispón engarzada coa edificación do quinteiro 2. Esta peza mantén a súa condición de peza singular e resólvese integrada cunhas dimensións e ocupación en planta que permite unha distribución máis racional dos espazos. Durante a tramitación emitíronse informes favorables por parte da Demarcación de Estradas do Estado e pola Dirección Xeral do Patrimonio cultural, así como de Augas de Galicia.

Tamén saíu adiante por unanimidade a proposta que delimita as dúas Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) a efectos da participación do Concello de Santiago no Programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, que ten por obxecto financiar a realización conxunta de obras de rehabilitación en edificios residenciais no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e de acordo á Resolución da Xunta do 8 de xullo 2022 (DOG Núm. 137) que regula o procedemento de participación:

1. Unha Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) continua, coincidente exactamente coa delimitación da Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico declarada con data 9 de xaneiro de 1998.
2. Unha Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) descontinua, que comprende a delimitación das Área de Rehabilitación Integral do barrio de Vista Alegre, declarada o 17 de abril de 2006; do barrio de Pontepedriña (Grupos de Vivendas "Compostela" e "Cardeal Quiroga Palacios", declarado o 23 de decembro de 2008; e do barrio de Vite, declarado o 15 de febreiro de 2016.

Este acordo de delimitación das ERRP, xunto co resto de documentación preceptiva, remitirase ao IGVS no momento da solicitude de articipación no Programa, que sustentarán os correspondentes acordos das comisións bilaterais entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Tamén foron aprobados por unanimidade dous expedientes orzamentarios: un de suplemento de crédito destinado a investimentos en maquinaria e instalacións e actividades culturais do Auditorio de Galicia; e un de crédito extraordinario para aprobar os gastos rexistrados na conta 413.

Así mesmo, saíron adiante por unanimidade os puntos sobre a participación do Concello de Santiago na Fundación Castelao; a constitución da Asociación de Concellos "Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle", que permitirá a xestión conxunta da vía por parte dos 5 concellos: Santiago, Cerceda, Ordes, Oroso e Tordoia polos que discorre o percorrido; e a relativa á bonificación do canon Sogama 2022.

Compartir: