XUNTA DE GOBERNO

Apróbanse as bases das dúas convocatorias de Acción Cultural: a dirixida a asociacións, e a destinada actividades culturais para o sector profesional

26/09/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases da convocatoria de subvencións para asociacións culturais, e as bases das axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional. Son máis de 450.000 euros en subvencións, destinadas ao sector cultural, que teñen como obxectivo impulsar novas actividades culturais e apoiar as que se veñen facendo, así como axudar ao sector no desenvolvemento destas iniciativas.

En concreto, aprobáronse as bases da convocatoria de de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2022, que contan cun investimento de 409.163,74 euros; e as bases da convocatoria de subvencións para asociacións culturais 2022, cun orzamento de 45.000 euros.

En ámbolos dous casos, o período de solicitude será de un mes, contado a partir da data de publicación da convocatoria no BOP da Coruña.

Apoio a actividades culturais

Ao apoio de actividades culturais para o sector profesional, a concellaría de Acción Cultural, que dirixe Mercedes Rosón, destina 409.163,74 euros. A convocatoria, pendente de publicarse no BOP, establece que as actividades subvencionables son todas aquelas que teñan un carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago e que sexan abertas o público.

Non poderán ser subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos. Os gastos elixibles serán aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nas bases reguladoras, en particular: programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais.

Non poderán ser obxecto de subvención os gastos derivados da adquisicións de bens inventariables nin os que correspondan a actividades ou servizos que non estean directamente relacionados coas actividades subvencionadas. O importe máximo da subvención para cada actividade será do 80 % do seu orzamento cun límite máximo de 35.000 euros.

O prazo de xustificación da subvención será o comprendido entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2023. As bases prevén a realización dun anticipo do 80 % do importe da subvención concedida e o 20 % restante será abonado logo da xustificación. As bases non recollen o establecemento de garantías, tal e como se indica no artigo 34.4, dado que as subvencións se destinan á realización de actividades que implican, nunha alta porcentaxe, a movilización de recursos de terceiros alleos á beneficiaria e, polo tanto, cómpre garantir o atendemento das obrigas económicas que desas prestacións e servizos se deriven. En termos xerais, o sector cultural sufriu unha forte descapitalización como consecuencia da pandemia polo que o anticipo resulta imprescindible para garantir a viabilidade da actividade subvencionada que sen este aporte non sería posible na maior parte dos casos.

Asociacións culturais

A concellaría de Acción Cultural destina ouros 45.000 euros á subvención de actividades que teñan un carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago, e que sexan abertas o público.

Igual que nas anteriores axudas, non poderán ser subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos. Os gastos elixibles serán aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nas bases reguladoras, en particular: programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais. Tampouco poderán ser obxecto de subvención os gastos derivados da adquisicións de bens inventariables nin os que correspondan a actividades ou servizos que non estean directamente relacionados coas actividades subvencionadas.

O importe máximo da subvención para cada actividade será do 80% do seu orzamento cun límite máximo de 5.000 euros. O prazo de xustificación da subvención será o comprendido entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2023. As bases prevén a realización dun anticipo do 80% do importe da subvención concedida e o 20 % restante será abonado logo da xustificación.

Outros acordos

Relacionado co sector cultural, tamén se aprobaron os textos dos convenios e a concesión das subvencións ao Ateneo de Santiago, por 20.000 euros; a Performa Sociedade Cooperativa Galega, por 50.000 euros; e á Asociación Cultural Cidade Vella, por 20.000 euros, todas elas correspondentes á anualidade 2022.

Na área de Promoción Económica, que dirixe o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, aprobáronse os convenios de colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, no marco do programa Compostela Móvese 2022, por 75.000 euros; coa Asociación Área Empresarial do Tambre, por 50.000 euros; e coa Unión de Cooperativas Espazo Coop. por 39.000 euros.

Na área de Deportes, dirixida por Esther Pedrosa, a Xunta de Goberno Local aprobou a xustificación de distintos convenios, entre eles o asinado coa Federación Española de Luchas Olímpicas y D.A. por 8.000 euros; coa Fundacioón Educación e Deportes de Santiago (FEDESA), por 25.000 euros; co Club Atletismo Santiago, por 9.000 euros; co Club Victoria, por 8.438 euros; coa Federación Galega de Iudo e D.A, por 6.000 euros; e coa Federación Galega de Kárate, por outros 6.000 euros.

Compartir: