CIDADES PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio da Humanidade expoñen no foro Greencities os seus esforzos para adaptarse aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

23/09/2022 Convidado polo Concello de Málaga, o GCPHE detallou as políticas que impulsan as cidades para favorecer a xestión sostible do turismo patrimonial no foro Greencities, no que tamén estivo presente o Concello de Santiago para presentar o vehículo autónomo desenvolvido no marco do proxecto Smartiago.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España expuxo os seus esforzos para adaptarse aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no marco do Foro de Intelixencia e Sustentabilidade Urbana ‘Greencities’, que se celebrou no Palacio de Feiras e Congresos de Málaga.

Convidadas polo Concello de Málaga e coa presenza do alcalde malagueño, Francisco de la Torre, as 15 cidades do Grupo, representadas polo seu presidente e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, detallaron as políticas que impulsan para favorecer a xestión sostible do turismo patrimonial.

Durante a súa intervención, o presidente do GCPHE destacou o dobre reto ao que se enfrontan as cidades patrimonio para compatibilizar a necesaria preservación dos seus centros históricos e zonas monumentais coa necesidade de dar resposta ao cambio climático e aos retos propios do S.XXI.

Nesta liña, referiuse á importancia da innovación para favorecer o aforro enerxético, a xestión dos residuos, e o aproveitamento da auga. Carlos García Carbayo sinalou que as Cidades Patrimonio da Humanidade, ademais de ser exemplos de conservación patrimonial deben ser exemplares no coidado e integración da súa contorna natural.

Presentación da oferta do grupo ao sector profesional

Onte pola tarde, o Parador de Málaga Gibralfaro acolleu o acto ao que asistiron 50 invitados do sector profesional do turismo, como operadores turísticos, axencias e medios especializados e onde se mostrou a película promocional ‘Unha Viaxe Extraordinaria" e material audiovisual coa oferta turística de Paradores, nun acto no que participou o presidente do Grupo, xunto ao presidente de Paradores, Pedro Saura. A delegación do Grupo tamén contou coa alcaldesa de Úbeda, María Antonia Olivares.

Compartir: