ACCIÓN CULTURAL

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! fará o camiño coa Radio do Patrimonio

23/09/2022 Cea, Tui, Sarria e Santiago acollerán catro obradoiros de radio con rapazas e rapaces para poñer en valor o patrimonio inmaterial galego. A Asociación será avaliada en novembro en Rabat pola UNESCO como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! presenta catro programas en catro cidades polas que pasa o Camiño de Santiago para recolleitar o patrimonio inmaterial que tamén se xerou ós albores das rutas xacobeas. Serán Cea, Tui, Sarria e Santiago as catro localidades que acollerán os obradoiros de radio, A Radio do Patrimonio, nos que colaborarán varios centros educativos,sendo os propios alumnos os que exerzan de xornalistas con entrevistas a portadores de patrimonio como Pancho Álvarez, Xabier Blanco, o Mago Antón ou Xurxo Antúnez ‘o Terrible’.

A serie de programas foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi, na que participaron a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa; Xurxo Antúnez ‘O Terrible’, gaiteiro e recuperador da tradición, e José Manuel Diego, representante de Ponte... nas Ondas!. Nela destacouse o papel de Ponte... nas Ondas! como entidade que a través da didáctica achega ao alumnado ao patrimonio inmaterial de Galicia que conecta con Portugal. Un modelo que, ademais, está a piques de ser inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

A ruta radiofónica comezará o vindeiro xoves 29 en Cea ás 12:30h na praza do Concello co gaiteiro e recuperador da tradición oral, Xurxo Antúnez como primeiro convidado. Un programa que se fará no exterior, e no que o alumnado do colexio CPI Virxe da Saleta, fará unha demostración do traballo que fai PNO! co patrimonio a través da radio: recuperando imaxes antigas, falarán cun panadeiro xubilado que descubrirá algún dos secretos do pan de Cea e someterán ao alcalde do concello a un terceiro grado.

As seguintes paradas serán en Tui o venres 30, na praza da Catedral de Santa María de Tui, co mestre gaiteiro Xabier Blanco e o alumnado do IES San Paio; en Sarria será o xoves 20 de outubro na vella fábrica da Feculera co Mago Antón facendo voar a imaxinación dos estudantes do IES Gregorio Fernández; e rematarán camiño en Compostela o venres 21 de outubro na praza de Cervantes coa música de Pancho Álvarez ante a mirada dos nenos e nenas do CEIP López Ferreiro.

PNO! a un paso de ser modelo de boas prácticas

O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo desenvolvido por Ponte... nas Ondas sexa inscrito no rexistro de boas práctica co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. PNO! leva 27 anos, desde 1995 servíndose dos obradoiros de radio escolar para implicar ao alumnado na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

A candidatura de PNO! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Contou co apoio de centros educativos, Universidades, Deputacións, Asociacións, Concellos e diversas entidades que emitiron declaracións a prol da inscrición.

Desde entón o expediente da candidatura foi pasando diversas revisións e agora está pendente do informe do órgano de avaliación da UNESCO que saíra da 17ª sesión do Comité Intergobernamental (Rabat 28 de novembro ao 3 de decembro), cando se coñecerá se modelo presentado por Ponte...nas ondas! optará finalmente a converterse nunha boa práctica do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Compartir: