XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba os prezos públicos das actividades dos centros socioculturais para este curso e as reducións por motivos sociais, culturais e de interese público

19/09/2022 O executivo local, ademais de dar luz verde aos prezos públicos e aos prezos reducidos das actividades regulares para o curso 2022-2023 dos centros socioculturais, que se manteñen conxelados, aprobou a aplicación da gratuídade da atención educativa na rede de Escolas Infantís Municipais do Concello (Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños). Deu conta dos asuntos tratados en rolda de prensa o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

En sesión ordinaria, a Xunta de Goberno local deu luz verde á aprobación da aplicación dos prezos públicos establecidos na XGL do 13 de abril de 2018 aplicables para as actividades regulares dos centros socioculturais do curso 2022/23, "que se manteñen conxelados", segundo indicou o rexedor.

Así mesmo, aprobouse a aplicación dos prezos reducidos, establecidos na mesma sesión, por razóns de índole social, cultural e de interese público nas actividades que incentivan a participación da veciñanza dos barrios e das parroquias.

Tamén se acordou acollerse ao programa da Xunta de Galicia de gratuídade da atención educativa na rede de Escolas Infantís Municipais do Concello de Santiago de Compostela (Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños). "Actualmente as escolas infantís supoñen un custo de 1,2 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 60.000 e outro 60.000 o pagan as familias. Con esta subvención, a Xunta abonaría tamén o correspondente ás tarifas das familias, polo que, do custo total do servizo, o 90% o asume o Concello e o 10%, a comunidade autonóma", salientou o rexedor.

Polo tanto, os ingresos correspondentes ás tarifas de atención educativa correrán con cargo á liña de subvencións establecida pola Orde do 22 de xullo, ficando exentas as familias de aboar as tarifas de atención educativa e de matrícula. Esta exención alcanza a todo o alumnado e xa non só aos segundos fillos e sucesivos. De acordo coas bases da Orde da Xunta de Galicia, a atención educativa inferior a 3 horas e a atención educativa en agosto continuará a ser de pago cos prezos referenciados. Así mesmo, determínase o prezo dos obradoiros das escolas infantís.

Contratación

No ámbito da contratación, aprobáronse tres expedientes. En primeiro lugar, o relativo á implantación dunha nova estrutura de Centro de Procesamento de Datos (CPD), financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation EU, e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto, establecéndose un orzamento base de licitación de 448.910,00 euros, IVE incluído.

O obxectivo é o despregamento dunha solución de almacenamento que atenda de forma eficaz os requirimentos actuais e futuros e garanta en todo momento a capacidade. Preténdese, así mesmo, que dita solución aglutine todos os equipamentos, agora diseminados en distintos servidores ou granxas e distintos sistemas de almacenamento, para así poder xestionar toda a infraestrutura como un único elemento e poder aplicar de forma máis efectiva todas as ferramentas que se contemplan no despregamento do centro de operación de seguridade (SOC).

Tamén no ámbito da informática, deuse luz verde ao expediente para a subministración dunha aplicación informática para a xestión do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 30.801,52 euros, IVE incluído.

Por último, aprobouse o expediente de contratación para a subministración de caldeiros e bolsas compostables para recollida separada de lixo, tanto domiciliaria como para grandes xeradores, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGenerationEU, e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 88.431,64 euros, IVE incluído.

Convenios

No apartado de convenios, deuse luz verde a dous: coa Asociación de Artesáns e Ourives para a realización da mostra "O esplendor do camiño, oito séculos de pratería e acibeches en Compostela", por importe de 20.000 euros; e cos cursos internacionais "Música en Compostela", por importe de 5.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: