MEDIO AMBIENTE

Arranca en Santiago a implantación do colector marrón para a recollida de materia orgánica

16/09/2022 O alcalde de Santiago e a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, presentaron esta mañá no barrio de Vite a campaña "Ti Tes a chave", coa que o Concello de Santiago pretende promover a posta en marcha dun Plan de Xestión para a Materia Orgánica e fomentar a compostaxe no municipio. Esta iniciativa enmárcase dentro de Santiago Sostible, marca paraugas para todas as actividades e proxectos relacionados co servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo no municipio compostelán.

A iniciativa "Ti tes a chave" instalará carpas de forma itinerante en diferentes rúas que servirán de puntos de encontro, de información e de distribución de material para iniciarse na compostaxe. A veciñanza interesada en participar neste proxecto de tratamento sustentable dos residuos recibirá un kit de benvida -consistente nun cubo aireado, tres atados de bolsas compostables e un folleto informativo- e a chave electrónica que permite abrir os colectores específicos. Estes contan cun feche de seguranza para evitar que se introduza por error materiais impropios que poidan comprometer o proceso polo cal a materia orgánica se transforma en abono nunha planta de compostaxe.

Nesta primeira fase, serán os barrios de Vite e de Fontiñas os que acollerán os primeiros colectores e unha vez analizado o modelo, serán estendido ao resto do municipio. As familias interesadas en participar nesta experiencia piloto e que residan nestas dúas áreas da cidade poden recoller os seus kits de compostaxe -a modo de benvida- nas xa citadas carpas, pero tamén solicitalos a través da web santiagosostible.gal. Outra vía para informarse sobre a campaña e as súas condicións é o telefono 981 56 54 69, ao que os usuarios poden chamar en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Participar é moi sinxelo
"Desde o Concello, procederemos a instalar nas rúas da cidade mais de 500 colectores marróns para a materia orgánica", adiantou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo sobre as diferentes fases que se irán desenvolvendo a partir deste paso inicial. A rexedor destacou, ademais, que a iniciativa ofrecerá as máximas facilidades para que a cidadanía se adapte "ao seu sinxelo uso" e "contribúa a un tratamento máis sostible dos residuos".

Dende a campaña "Ti tes a chave", achegarase en todo momento a información precisa sobre o funcionamento da compostaxe que, fundamentalmente, se basea en tres simples pasos: o primeiro consiste na separación dos restos de comida para introducilos nunha bolsa compostable; o segundo pasa por depositar a bolsa no colector marrón máis próximo ao noso domicilio, e o terceiro é o tratamento deste tipo de lixo nunha planta de compostaxe onde se producirá un compost que, entre outros usos, servirá para aboar os xardíns municipais.

Esta iniciativa impulsada dende o Concello de Santiago lembra que os produtos que se poden depositar nos caldeiros aireados son restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel branco de cociña, restos de plantas ou tapóns de cortiza. Calquera outro residuo que non sexa de carácter orgánico fica excluídos da compostaxe, proceso de tratamento sustentable que procura a circularidade do material orgánico para a súa reutilización e aproveitamento.

"Santiago Sostible"
"Santiago Sostible" é o proxecto que se puxo en marcha dende o Concello de Santiago para a xestión do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, un servizo de grandes dimensións que leva aparellado o cambio de 2000 colectores e a incorporación de 22 camións cero emisións, que funcionarán a gas natural, 17 deles recolectores, entre outra maquinaria eléctrica que reducirá a contaminación acústica nas rúas.

A través da web santiagosostible.gal faise máis accesible a información e permítese simplificar certos trámites como por exemplo a solicitude destes composteiros, ademais de poder achegar dúbidas e suxestións ou contactar co servizo de recollida de voluminosos a domicilio, entre outros asuntos.

Direccións relacionadas



Compartir: