POLÍTICAS SOCIAIS

A UAMI do Concello de Santiago lanza unha campaña de sensibilización contra o racismo co lema "Compostela contra o racismo"

15/09/2022 A Concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, acompañada pola traballadora social da UAMi, Inma Peleteiro, presentou esta mañá a campaña de sensibilización "Compostela contra o racismo", lanzada pola Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) co obxectivo de chamar a atención sobre as razóns que nos levan á discriminación racial e outras formas de intolerancia.

"Compostela contra o racismo" trata de poñer o foco na discriminación para que deixe de ser unha realidade, mediante a deconstrución de moitos matices de pensamento tan sutís como arraigados, incorporados de forma inconsciente e, por tanto difíciles de observar en situacións cotiás.

"Rompe coas etiquetas" é o eixo creativo desta campaña, que pretende que a cidadanía tome conciencia sobre as etiquetas sociais empregadas de forma sistemática ou sobre as crenzas socias vinculadas a lugares de orixe diferentes ao noso e como varían en función do estrato social.

A concelleira Mila Castro recordou que "a día de hoxe a discriminación racial segue impedindo o desenvolvemento de millóns de persoas no mundo", e no caso de Santiago, a pesares de ser una "cidade aberta, multicultural, na que conviven en harmonía distintos perfís raciais", "non podemos negar unha realidade aínda existente, como é a presenza de determinados tópicos ou condutas racistas". Por esta razón, desde a UAMI "lanzamos esta campaña que nace co fin de convidar a reflexionar á cidadanía sobre as etiquetas que poñemos ás persoas pola súa razón étnica ou racial, e que nos leva a discriminalos sen coñecelos, e así visibilizar as diferenzas que facemos á hora de tratar ás persoas migrantes no día a día", explicou a edila.

Contido da campaña
A campaña combina a presenza en redes sociais e a pé de rúa, con mupis e carteis a reflexionar sobre as etiquetas que poñemos ás persoas, pola súa razón étnica ou racial e que nos leva a discriminalos. Para iso, móstranse 8 persoas racializadas e caracterizadas con tópicos asociados á súa raza ou etnia, portando unha "etiqueta" e unha mensaxe a modo de pregunta.

A nivel gráfico, de cara a acadar maior impacto na sociedade compostelá, introducíronse elementos amplamente recoñecibles, como son as "etiquetas de roupa" e as mensaxes que vemos a diario nos nosos teléfonos.

Así, Compostela contra o racismo convida a reflexionar sobre as seguintes "etiquetas": "Sudaca" ou "Panchito" para referirse ás persoas de orixe Latino; "Negrata" ou "Negrita", para falar das persoas negras; Mena referíndose aos Menores Estranxeiros Non Acompañados como algo despectivo ou "Mora" e "Moro", para referirse a toda persoa do norte de África ou persoas musulmás.

A estes perfís asóciaselle unha pregunta de gran impacto, a modo de reflexión, sobre situacións básicas do día a día: Permitirías que unha "mora" fose a túa avogada? Confiaríaslle a educación dos teus fillos/as a un "panchito"? Permitirías que un "moro" compartise piso contigo? Aceptarías que unha "negrita" fose a muller de teu pai? Permitirías que unha moza "mena" coidara aos teus fillos/as? Confiaríaslle a túa saúde a un "negrata? Confiarías en que unha "sudaca" fose a arquitecta da túa casa? Ou permitirías que un rapaz "mena" fose o mozo do teu fillo/a?

UAMI
A UAMI, oficina municipal encargada facilitar a inclusión social e laboral das persoas en situación de vulnerabilidade, promotora desta iniciativa, recalca a importancia deste tipo de campañas e pon de manifesto un realidade, aínda moi presente na nosa sociedade, como é a clasificación das persoas por razón de raza.

Así mesmo, esta campaña pretende fomentar o desenvolvemento de programas que promovan a integración das persoas inmigrantes na nosa sociedade; e daqueles que fomenten os valores de tolerancia, respecto á diferenza e convivencia intercultural.

Compartir: