XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba o proxecto de rehabilitación de firmes que inclúe dez rúas da cidade

13/09/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto técnico de "Rehabilitación de firmes de vías urbanas 2022", que conta cun orzamento, IVE engadido, 458.811,10 euros, e un prazo de execución de catro meses.

A proposta do departamento de Obras contempla actuacións en dez ámbitos da cidade: Rúa de Alfredo Brañas, rúa de Santiago de Chile, rúa das Canteiras do Sar, rúa dos Forniños, rúa de Amio, rúa da Carballa e rúa de Seoane, Travesa da Estrada, rúa do Combarro e Travesa do Combarro, rúa de Diego Bernal, rúa do Pino e rúa de Mallou de Abaixo.

Executaránse distintos tipos de actuacións. Entre elas de fresado e posterior aplicación de mestura bituminosa, pintado, limpeza de determinados viarios ou saneo das zonas deterioradas.

Subvencións a asociacións veciñais

O executivo municipal tamen deu luz verde á concesión das subvencións ás asociacións de veciños para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral durante o exercicio 2022. Son 28 as entidades beneficiarias, que percibirán, en conxunto, 75.568,78 euros.

Comercio

No apartado de comercio aprobáronse as bases de dúas importantes convocatorias de axudas: as destinadas a actividades de promoción e dinamización comercial, cun orzamento de 100.000 euros; e as destinada á mellora e innovación do comercio local do programa "Coidar para mellorar", anualidade 2022, nas que se invisten de 350.000 euros.

Está previsto que as bases se publiquen a principios da próxima semana no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña por medio da Base de Datos Nacional de Subvencións.

A maiores, aprobouse o texto do convenio entre o Concello de Santiago e a Comunidade de Propietarios Centro Comercial Área Central, para o desenvolvemento dun programa de dinamización comercial durante a anualidade 2022, por un importe de 35.000 euros.

Por outra banda, deuse conta dos convenios entre o Concello de Santiago e as asociacións e comerciantes Compostela Monumental, e Asociación Punto Compostela, para levar a cabo un programa de reactivación económica das compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro anualidade 2022, por importe de 35.000 euros. Tamén se deu conta do convenio asinado co mesmo fin coa Fundación Santiago Centro, por importe de 32.000 euros.

Outros acordos

Tamén se aprobou o expediente denominado "Servizo de mantemento das instalacións térmicas dos edificios e locais municipais" e a apertura do procedemento de adxudicación, establecéndose un tipo de licitación de 259.076,88 euros.

Adxudicouse, ademais, a "Concesión de uso privativo de dominio público municipal para a colocación de colectores de roupa e calzado usados e outros téxtiles, reservado a centros especiais de emprego e empresas de inserción social á firma Arroupa Santiago, que oferta un canon de 3.002 euros ao ano a abonar o concello.

Compartir: