ACCIÓN CULTURAL

Abe Rábade presenta no Pazo de Raxoi o seu novo álbum Botánica

13/09/2022 Botánica é o decimoquinto disco do pianista e compositor compostelán Abe Rábade, no que a súa escrita musical e piano atópanse coa voz e percusión de Davide Salvado. Este novo traballo, composto de catorce temas dedicados á vexetación autóctona de Galicia, verá a luz parcialmente este venres e o sábado 24 de setembro será presentado no Teatro Principal nun concerto que conta co apoio do Concello de Santiago.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada polo propio artista, presentaron esta mañá no Pazo de Raxoi o último traballo discográfico do músico compostelán, que leva por título Botánica. Todas as persoas interesadas poderán descubrir esta nova proposta musical nun concerto que terá lugar o vindero sábado, 24 de setembro ás 12:00 h no Teatro Principal e que conta co financiamento do Concello de Santiago.

Pianista e compositor, Abe Rábade conta con catorce discos como líder aos que suma agora Botánica, do que este venres 16 de setembro verá a luz o segundo sinxelo, "A folla do castiñeiro", antes da súa presentación ao vivo.

Este novo traballo discográfico de Abe Rábade para Karonte Records, conta con 14 composicións orixinais dedicadas á vexetación autóctona de Galicia. En conxunto, conforman un campo de visión aberto ao mundo que funde o rural co urbano.

A escrita musical e o piano de Abe Rábade atópanse nesta ocasión coa voz e a percusión tradicional galega dun dos valores máis prestixiosos da nosa escena musical: Davide Salvado.

Daniel Juárez ao saxo tenor, Virxilio da Silva á guitarra, Ton Risco ao vibráfono, Jimena Andión ao cello, Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Naíma Acuña á batería completan un colectivo artístico heteroxéneo, baseado na integración de estéticas musicais e na exploración libre de prexuízos.

Traxectoria

Ademais da súa carreira discográfica, Abe Rábade estreou dúas composicións sinfónicas (Tránsitos no 2015 e Tempos Velados no 2018) e outras tres obras poético-musicais (Rosalía 21 no 2008, Travesía dos Poetas no 2010 e Lorca Namorado no 2019). É autor de 200 composicións en estilos como jazz, clásica, experimental e músicas de raíz. Actúa con numerosas figuras de reconocido prestixio internacional en concertos e festivais de todo o mundo. Así mesmo ofrece múltiples masterclasses en centros especializados.

Licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music (Boston, EUA) no 1999, actualmente é tamén docente en dous conservatorios superiores de música de Galiza e Portugal.

Direccións relacionadas



Compartir: