MEDIO AMBIENTE

O Polígono da Sionlla acolle a primeira das plantacións para repoboar de especies autóctonas o bosque urbano "Berce do Sar"

10/09/2022 No marco da campaña "1 voto, 1 árbore" coa que se pretende incorporar 100.000 novas árbores en Santiago de aquí ao 2030, esta mañá levouse a cabo a plantación de 400 novas especies autóctonas no bosque "Berce do Sar" co obxectivo de recuperar a masa arbórea da zona e favorecer así a biodiversidade. O acto, iniciativa do Concello de Santiago en colaboración coa aseguradora MAPFRE, contou coa presenza do alcalde Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente de MAPFRE, Antonio Huertas, que a continuación visitaron as obras de acondicionamento do novo parque forestal.

A reforestación desta parcela levouse a cabo grazas á colaboración entre Concello de Santiago e a empresa MAPFRE e os seus voluntarios no marco do proxecto 'Bosque Mapfre'. A plantación contou coa participación do alcalde Xosé Sánchez Bugallo; o presidente de MAPFRE, Antonio Huertas; e o vicepresidente 3º e CEO territorial Iberia, José Manuel Inchausti.

Entre as árbores plantadas esta mañá no Polígono da Sionlla atópanse especies autóctonas como castiñeiros, bidueiros e carballos, coas que se pretende mellorar a taxa de supervivencia, a biodiversidade e a resistencia ao lume da masa forestal da zona.

O alcalde recordou que esta acción é un paso máis "para conseguir plantar os 100.000 carballos da campaña '1 voto, 1 árbore', dos cales xa estamos superando lixeiramente os 20.000". Sánchez Bugallo tamén fixo un chamamento á colaboración de "empresas, entidades e cidadáns" para seguir avanzando nesta liña e converter así a Santiago nunha "cidade verde, atractiva e medioambientalmente sostible".

O acto de plantación completouse cunha visita dos asistentes ás obras que o Concello está a levar a cabo para acondicionar o novo parque "Berce do Sar" que, cunha extensión de máis de 42.000 m2 (4,2 hectáreas), permitirá a cidadáns e visitantes de Compostela desfrutar dun novo espazo natural no emprazamento onde nace o río Sar.

Ata o momento realizáronse nesta área diferentes traballos silvícolas e de urbanización. En concreto, na zona norte do "Berce do Sar" levouse a cabo o desbroce de 3,5 hectáreas e o aburatado para a plantación de 1.120 árbores, así como o acondicionamento do terreo para a colocación de 10 bancos e a apertura dunha senda de 800 mentros. Pola súa banda, na zona sur, leváronse a cabo labores de desbroce de 1,5 hectáreas, así como de aclareo, poda, limpeza de gabia e trituración de restos, con vistas á apertura dunha senda de 500 metros.

Prantas micorrizados: un traballo en equipo
As árbores plantadas hoxe, caracterízanse por presentar unhas raíces recubertas por unhas formacións filamentosas e coloreadas formadas pola asociación simbiótica entre un ou varios fungos e a propia raíz da planta que dá lugar a un novo órgano: a micorriza.

Esta simbiose do fungo coa raíz dáse en moitos casos de forma natural pero tamén se pode conseguir de forma artificial, inoculando o fungo desexado no sistema radical. Este proceso fisiolóxico recibe o nome de micorrización, e supón un traballo en equipo que pemite que estes dous seres vivos: a planta e o fungo, se presten axuda mutuamente.

A micorrización permite á planta vivir en lugares con problemas de toxicidade nos chans, escaseza ou exceso de auga ou onde os elementos minerais son pouco abundantes ou non asimilables para satisfacer as súas necesidades.

Unha vez plantados, e co transcurso duns poucos anos, os terreos onde se plantaron estas especies son produtores de cogomelos comestibles en cantidades moi interesantes que achegan un importante recurso de alta calidade e totalmente ecolóxico.

Proxecto "Bosque Mapfre"
O proxecto 'Bosque Mapfre' foi creado en 2021 e está incluído no plan de Estratexia Corporativa de Compensación de Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) da empresa, que engloba todas as actuacións de reforestación da compañía dirixidas a preservar a biodiversidade, o capital natural e crear sumidoiros de carbono en zonas onde desenvolve a súa actividade.

Deste xeito, a aseguradora quere poñer de manifesto o seu compromiso coa protección do planeta e coa loita contra o cambio climático, e suma, ademais, aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 13 e ODS 15) de Nacións Unidas e á Axenda 2030.

Compartir: