FESTAS

Aberto desde mañá o prazo de solicitude de subvencións para festas patronais

09/09/2022 A partir de mañá e durante o prazo dun mes, os barrios e parroquias da cidade poderán presentar as súas solicitudes á convocatoria de subvencións para festas patronais que disporá este ano dunha partida total de 38.750 euros. Poderán optar a esta axuda todos os eventos festivos celebrados entre o 1 de xaneiro e o 13 de outubro e o importe máximo para cada festa será de 1250 euros.

As bases da convocatoria de subvencións do Concello de Santiago dirixidas a financiar as festas patronais celebradas no 2022 veñen de ser publicadas no BOP da Corula de hoxe, 9 de setembro, tras a súa aprobación pola Xunta de Goberno o pasado luns.

Á convocatoria, que conta cun importe global de 38.750 euros, poderán presentarse as festas cuxa data de celebración estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o 13 de outubro de 2022 e serán gastos subvencionables os efectuados en instalación de inchables, festa da escuma, xogos populares, corais, charangas e grupos de música, grupos de baile, Karts a pedais e bandas de música.

O importe máximo da subvención para cada solicitante e para cada festa será de 1.250 € e o período de solicitude será de 1 mes natural contado a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no BOP da Coruña. O prazo de xustificación do gasto efectuado será do 15 de outubro ao 15 de novembro de 2022.

Os criterios de adxudicación da subvención serán por orde de chegada, sempre que se cumpran os requisitos da convocatoria, ata o consumo do orzamento dispoñible na aplicación.

Con esta convocatoria a Concellería de Festas mantén a súa liña de colaboración coa programación das festas patronais en barrios e parroquias da cidade, sendo este un compromiso adquirido desde hai anos coas asociacións de veciños e coas comisións de festas.

Compartir: